Manuel Carballeira Rivas gaña o XV Concurso de Pintura Manuel Rebón

Comparte esta nota de prensa

Juan Manuel Álvarez Romero conseguiu o primeiro premio coma mellor artista local, namentres que Eduardo Pérez Baamonde e Méndez Pérez de Arévalo recibiron os accésits.

Dende mañá, 15 de setembro, habilitarase unha exposición no CIRS de Cervás con todos os cadros presentados no certame aresán.

Alma Barrón, concelleira de Cultura da localidade, desvelou esta mañá os resultados do XV Concurso de Pintura Manuel Rebón, tras as deliberacións do xurado durante a tarde de onte. Nesta edición, Carlos Barcón, pintor, membro da Academia de Belas Artes de Galicia e promotor-fundador da Sociedade Artística Ferrolá (SAF); Paula Aneiros, licenciada en Belas Artes e pintora mugardesa e Marta Barros, artista, profesora de pintura e licenciada en Deseño, decidiron outorgar o primeiro premio valorado en 1.400 euros a Calma da mañanciña, de Manuel Carballeira Rivas.

Na categoría de composicións locais, o galardón de 550 euros foi para a composición pictórica Náufrago, realizada por Juan Manuel Álvarez Romero. No fallo do xurado tamén se inclúen dous accésits, cadanseu de 150 euros, a Bungotech de Eduardo Pérez Baamonde e El jardín de Ofelia, cadro do artista Méndez Pérez de Arévalo.

Así, o XV Manuel Rebón distribuíu 2.250 euros entre os diferentes galardóns, sempre co obxectivo de promocionar a práctica artística e o desenvolvemento cultural de Ares, amais de lembrar a Rebón, unha figura central na actividade cotián de Cervás e o seu CIRS.

Con todo, e máis aló das distincións, o xurado tamén fixo mención ás tres obras que acadaron os postos finais entre todos os cadros presentados ao certame:

Acantilados (de Lolo Serantes), A Espera (de Antonio Seijas) e Foresta Nevada (de Epifanio García).

As obras estarán accesibles no seu conxunto a partir de mañá, 15 de setembro nas instalacións do CIRS de Cervás, de luns a venres, de 19:00 a 21:00 horas, e sábados e domingos tanto pola mañá (12:00 a 14:00) coma pola tarde, na mesma franxa de 19:00 a 21:00. A exposición pechará o 25 de setembro coa súa clausura oficial e a entrega dos premios e accésits aos galardoados.

 

Pódeche interesar