Despois, a gravación trasladouse ata Cervás para coñecer a Javier Domínguez Vilasánchez, pescador de ribeira, e César Pita Carretero, un apaixonado da historia local e escritor do libro “Na ribeira das nosas vidas”. Con ambos puidose revivir como era un día a día nas ribeiras da contorna, lugares recoñecidos non só pola súa actividade pesqueira, senón tamén pola súa relevancia social e cultural. Ademais da pesca, nestes espazos tiñan lugar as primeiras aprendizaxes sobre o mar, trasladadas de xeración en xeración, e que marcaban o recordo dos aresáns.
Estas actividades de gravación forman parte do proceso de creación de contidos para a elaboración de dúas rutas sobre o territorio. As rutas conforman o proxecto denominado como “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio natural e mariñeiro do concello de Ares. Ares Descobre”, impulsado pola Concellaría de Deportes da localidade co financiamento do GALP Golfo Ártabro Norte e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).