Esta semana o alumnado de 1º da ESO do CPI As Mirandas saíu do centro educativo para descubrir recunchos da súa propia vila e da cultura mariñeira. Fixeron un percorrido por diferentes establecementos de Ares, como a Peixaría Elena, onde puideron recoñecer o produto local a partir das especies do día que estaban no seu mostrador. Tamén afondaron nas labores da salgadura e fixeron unha parada no noso porto deportivo e pesqueiro!
Alí, Juan, patrón do M. Presas, mostrou o seu navío en dique seco, pois a embarcación está actualmente en labores de mantemento para a próxima tempada estival. Puideron ver, por exemplo, o casco dun barco xa emblemático para a vila de Ares. Por último, o armador Félix e o tamén patrón Manolo foron os encargados de realizar unha demostración de nós mariñeiros e explicar o oficio dos redeiros e redeiras.
Esta saída é parte dos obradoiros de sensibilización inscritos no proxecto «Valorización da actividade mariñeira a través dos espazos litorais e das prácticas deportivas acuáticas nos municipios de Ares e Valdoviño. Ares e Valdoviño no Mar», co apoio dos GALP A Mariña-Ortegal e GALP Golfo Ártabro Norte.