Victoria Montenegro, concelleira de Benestar, informou recentemente das datas nas que estará dispoñible o programa “Coidados porta a porta” da Xunta de Galicia, en colaboración cos concellos, dentro da nosa contorna municipal.
Ao longo do 19, 20, 23 e 24 de maio chegará este servizo dirixido ás persoas maiores de 55 anos nos que se poderá acceder a consultas gratuítas de estimulación da memoria, audioloxía e podoloxía na Avenida Saavedra Meneses, próximo ao establecemento do Pez Rojo.
A estimulación da memoria incluirá unha valoración cognitiva e proporcionará pautas de como previr e limitar o deterioro –no caso de habelo- desde unha perspectiva terapéutica. Céntrase sobre todo na prevención da dependencia mediante hábitos de vida saudables.
No tocante ó servizo de audioloxía, realizarase unha consulta básica e unha exploración funcional da audición para detectar con suficiente marxe de actuación posibles perdas auditivas.
Finalmente, o servizo de podoloxía consistirá nunha consulta básica, valorando o estado xeral do pé; un corte e limpeza de unllas e a eliminación de durezas, calosidades e helomas.
Para máis información ou para a reserva de cita previa, podes contactar co 622 748 283 ou vía telemática no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal