Estudantes do CPI As Mirandas de Ares aproxímanse á cultura do surf en Valdoviño

Comparte esta nota de prensa

No marco do proxecto “Ares e Valdoviño no Mar”, visitaron esta mañá o Océano Surf Museo e desprazáronse á praia de Vilarrube para realizar unha sesión de iniciación e unha actividade medio ambiental

Valdoviño, 6 de maio de 2022. O numeroso grupo de 2º da ESO do CPI As Mirandas de Ares visitaba esta mañá o municipio de Valdoviño no marco do proxecto que ambos concellos promoven en base á sua vinculación co mar. No anfiteatro da Casa da Cultura, o alcalde, Alberto González, recibía aos 44 rapaces e rapazas e aos seus profes. Xunto a el, as concelleiras de Cultura e Turismo, Rosana García e Jessica Sabín, e o edil de Servizos, Benito Vega.

 

Trala benvida, na que o rexidor expuxo os fortes vínculos entre Ares e Valdoviño, mozos e mozas iniciaban un percorrido polo Océano Surf Museo, único en España e un dos 20 que existen no mundo adicados en exclusiva a este deporte. A técnica Carolina Lorenzo acompañaba ao alumnado no seu percorrido pola historia do surf e resolvía as súas dúbidas e consultas.

 

 

Dende este espazo, rapaces e rapazas partían rumbo á praia de Vilarrube, onde Joseph, da escola Pantín Surf Camp, os convidaba a iniciarse na práctica do surf cunha sesión na area onde coñeceron os diferentes elementos da táboa e os movementos precisos para subirse a ela. Así mesmo, Marcos, da mesma escola, guiaba unha sesión de carácter medio ambiental sobre a necesidade de combater a presenza de plásticos nos areais para contribuír así á súa preservación.

A visita do alumnado do CPI As Mirandas prodúcese trala realizada polos estudantes do CPI Atios a Ares. Un enriquecedor intercambio de experiencias ligadas ao mar e incluídas no proxecto «Valorización da actividade mariñeira a través dos espazos litorais e das prácticas deportivas acuáticas nos municipios de Ares e Valdoviño. Ares e Valdoviño no Mar», que desenvolven os 2 concellos co apoio do GALP A Mariña-Ortegal e o GALP Golfo Ártabro Norte. Conta, tamén, coa colaboración de diferentes entidades clave no territorio como o Club de Remo de Ares e a Asociación de Escolas de Surf de Valdoviño e, entre os seus obxectivos, busca realizar accións de sensibilización, visibilizar a actividade mariñeira ou a transmisión de valores como a sustentabilidade tanto no desenvolvemento da práctica deportiva como nos sistemas de extracción artesanal.

Pódeche interesar