A concelleira de Urbanismo de Ares, Olimpia Marcos; o director do Instituto de Estudios do Territorio (IET), Enrique de Salvador, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisaron o resultado das dúas obras que se acometeron na contorna da parroquia de Lubre, centradas na mellora do impacto paisaxístico no lavadoiro de Bulleiro e no Local de Ensaio próximo á igrexa románica.

Comparte esta nota de prensa

Nese senso, o Concello aresán acometeu estas rehabilitacións a través da liña de axuda da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que aportou fondos económicos superiores ós 30.000 euros para o impulso do “fermosismo galego”.

Así, no Local de Ensaio de Lubre renovouse o exterior do edificio co obxectivo de acadar a maior integración paisaxística posible, amais de realizarse unha mellora en termos enerxéticos, deixando atrás as condicións de envellecemento que presentaba o espazo. Mais non será a única intervención que se realizará: o Concello e a Consellería de Territorio e Vivenda xa asinaron un convenio que permitirá cambiar o tellado da edificación.

No que atinxe ó lavadoiro de Bulleiro, interviuse no conxunto arquitectónico para introducir novos revestimentos e acabados empregando a pedra, incluíndo unha varanda de madeira que armoniza a súa estética tendo en conta os elementos rurais do redor. Tamén se acometeu unha mellora de seguridade e accesibilidade, derivada das actuacións na entrada do lavadoiro.

 

Pódeche interesar