A intervención, que conta cun investimento próximo ós 170.000 euros asumidos entre Concello e a Deputación, mellorará a rede de saneamento, pluviais e abastecemento, ademais de executar obras no alumeado, electricidade e telecomunicacións.
Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, incluíu a actuación “dentro da liña de renovación e humanización municipal de moitas das rúas de Ares, como é o caso das rúas Fomento, Alfolíes, Cisne…”.
A rúa San Xosé inicia a conta atrás para ver renovados os seus servizos e pavimentos tras a recente da que vén de informar hoxe a Concellaría de Urbanismo, concluíndo o proceso administrativo previo ó comezo das obras.
Así, materializarase un proxecto que é a principal intervención urbanística que se realizará en Ares coma parte do Plan Unico da Deputación da Coruña, empregando 156.285 euros do ente provincial e 14.513 euros das arcas municipais, impostos incluídos. Xunto a el, tamén se inclúen no POS 2022 e no POS adicional os proxectos de renovación de infraestrutura de saneamento, abastecemento e pavimentación das rúas Fomento e dos Anxos, superando entre as 3 actuacións os 425.000 euros de investimento total entre fondos provinciais e municipais.
Con todo, os traballos de mellora na San Xosé implicarán unha transformación completa da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, mais tamén se levarán a cabo obras civís no alumeado, na electricidade e nas telecomunicacións. A maiores, cubrirase a rúa cunha capa de rodadura con aglomerado, eliminando as actuais irregularidades do firme e poñendo fin ao seu estado de deterioro; instalarase un pavimento de loseta hidráulica similar á actual e realizarase a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.
Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, puxo en relación esta mellora da rúa San Xosé coa “planificación que estamos a executar dende o Concello centrada na renovación e humanización das rúas do núcleo urbano de Ares. Falamos de intervencións que afectan á rúa Fomento, María, Alfolíes, Cisne… pero tamén a toda a contorna do Porto, que está somerxida nun amplo proceso de humanización”. Segundo Marcos, a obra que se realizará en San Xosé responde a ese mesmo sentido de progreso na infraestrutura pública aresán.