Segundo o goberno municipal, completouse a compra dos terreos, o deseño da infraestrutura e o proxecto técnico da nova necrópole que se materializará en Ares: 19.500 metros cadrados na Rega da Fraga, en Lubre.
O novo cemiterio contará con 1020 nichos e 1124 columbarios, ademais de 7 reloxos de sol e un edificio de culto, todo dentro dun recinto perimetrado con axardinamento interior.
19.500 metros cadrados situados na Rega da Fraga, no lugar de Lubre: ese é o espazo de actuación e desenvolvemento da futura necrópole que terá Ares, un proxecto no que o goberno municipal estivo traballando ao longo desta última lexislatura. Segundo a información aportada pola Concellaría de Urbanismo, recentemente veñen de completarse a adquisición dos terreos, mais tamén o deseño da infraestrutura e a configuración do proxecto técnico.
De feito, este último documento é o que proporciona o tamaño do cemiterio e as opción que se porán a disposición da veciñanza: a necrópole contará con 51 módulos nos que se inclúen 1020 nichos e 1124 columbarios, ademais de 7 reloxos de sol de diferentes características e un edificio de culto, todo dentro dun recinto perimetrado con axardinamento interior.
Avanzando na materialización do proxecto, a administración local traballou arreo nos pasos necesarios para a execución dunha obra necesaria na vila; tamén se finalizaron o estudo económico que permite determinar o prezo dos nichos e columbarios polo prazo de 99 anos e o proxecto de ordenanza municipal que servirá de base reguladora para a súa xestión.
No relativo ó prezo dos dereitos funerarios en base ao estudo económico, establecéronse as seguintes cantidades (sen IVE):
- NICHOS: entre 2.450 euros e 2.650 euros por unidade.
- COLUMBARIO: entre 850 euros e 950 por unidade.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE DECLARACIÓNS DE INTERESE: DO 1 DE ABRIL AO 30 DE XUÑO
O Concello xa proxecta acometer a primeira das fases desta nova necrópole, a que incluirá o peche e camiño perimetral do cemiterio, a construción de 420 nichos e 506 columbarios, o acceso dende o exterior, a infraestrutura eléctrica, o abastecemento e o saneamento do recinto.
Porén, para iso a administración apunta que é necesario comezar coa presentación das declaracións de interese por parte das persoas ou entidades que desexen adquirir dereitos funerarios sobre os nichos e columbarios; declaracións que, unha vez presentadas, ratificadas e adxudicados e pagados os dereitos sobre os elementos, permitirán iniciar as obras que atinxen á primeira fase.
O proceso para a presentación das declaracións de interese abrirarse o 1 abril e estendarase ata o 30 de xuño, ambos inclusive. Haberá a posibilidade de facer o trámite no rexistro, de maneira presencial (só particulares) ou a través da sede electrónica municipal (tanto particulares coma entidades). O modelo da declaración de interese estará publicado na propia web do Concello: www.concellodeares.gal.
A reserva dos nichos e columbarios realizarase por rigurosa orde de inscrición ata completar os elementos a disposición (420 nichos e 504 columbarios). Tras cubrir toda a oferta, executarase o acto de adxudicación de elementos reservados a través dun sorteo público, garantindo que as persoas que reserven dous ou máis elementos serán adxudicatarias de espazos colindantes. Posteriormente, formalizarase o abono do prezo público establecido con carácter previo ao comezo dos traballos construtivos.
Desta maneira, a execución do cemiterio municipal paliará a situación actual de insuficiencia dun lugar de repouso das persoas falecidas, máis tendo en conta que, por unha banda, o cemiterio de titularidade eclesiástica non dispón de unidades suficientes para acoller a demanda da actualidade e que, pola outra, se pretende ofrecer ás persoas aconfesionais un espazo non relixioso no que poidan enterrar ou depositar as cinzas dos seus familiares.