A Concellaría de Urbanismo vén de informar dunha das próximas intervencións que se acometerán no termo municipal: a pavimentación do camiño de Gaspalleira a Maiobre.
A obra de mellora desta vía municipal suporá un investimento de 63.428,83 euros, asumidos entre a liña de axuda proporcionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), cunha achega de 39.151 euros, e o propio Concello de Ares, cunha aportación de 24.277,83 euros.
Segundo consta no proxecto, o actual pavimentado presenta un tratamento do triple rego en mal estado que se verá reparado cun tratamento de aglomerado asfáltico, ademáis de ampliar o ancho do camiño nalgunhas zonas, axundando na mellora do tráfico e a comunicación interna entre os núcleos poboacionais que conecta.
De feito, a concelleira Olimpia Marcos resaltou que a intervención englóbase dentro das tarefas propias do reequilibrio territorial e conservación levadas a cabo en anteriores lexislaturas. Tras a adxudicación desta mesma semana, o seguinte paso será o inicio das obras.