A Concellaría de Medio Ambiente conclúe a primeira fase da campaña municipal de compostaxe

Comparte esta nota de prensa

A responsable da área, Lucía Blanco, formalizou a entrega dos composteiros individuais a 44 fogares aresáns, de tal maneira que xa poidan comezar co proceso de reciclaxe dos seus residuos, implicándose directamente na súa xestión.

As seguintes fases do proxecto contemplan, por unha banda, o asesoramento personalizado e a resolución de dúbidas da veciñanza que participa na campaña e, pola outra, a futura materialización de dúas áreas comunitarias de compostaxe na contorna urbana.

O Concello vén de concluír a primeira fase da campaña municipal de compostaxe promovida pola área de Medioambiente coa distribución de 44 composteiros individuais entre os fogares que se sumaron á iniciativa, formalizando as entregas en dúas quendas durante estes meses de decembro e xaneiro xa pasados.

A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, entregou á veciñanza o kit de compostaxe, que consta do propio composteiro de 400 litros, un aireador, unha reixa antirroedores para a base e un manual informativo para cada vivenda; todos os materiais necesarios, en esencia, para transformar os residuos orgánicos en compost, un fertilizante aplicable en xardíns, hortas e campos de cultivo, moi rico en nutrientes e útil na aireación e drenaxe dos chans.

“Cos composteiros axudamos a instalar hábitos de reciclaxe entre os e as aresáns, pero sobre todo logramos que pouco a pouco a veciñanza se implique e avance no coidado do medioambiente”, resaltou Lucía Blanco, aproveitando a conclusión da primeira fase da campaña. A compostaxe doméstica, amais da maior involucración dos veciños, tamén supón unha disminución da contaminación ambiental, ao reducir o transporte de longas distancias para o tratamento dos residuos.

A SEGUNDA FASE: ASESORAMENTO PERSONALIZADO E RESOLUCIÓN DE DÚBIDAS

A concelleira de Medioambiente tamén detallou os seguintes pasos que se darán na campaña municipal de compostaxe: “teremos unha segunda fase de asesoramento personalizado con visitas de técnicos composteiros aos fogares. A veciñanza poderá trasladar as súas dúbidas, solventalas e tamén coñecer boas prácticas para a compostaxe doméstica directamente dos expertos”.

“É esencial que o Concello contribúa a achegar coñecemento de calidade para mellorar os nosos hábitos de reciclaxe, dando máis valor aos biorresiduos. Por iso continuamos con esta fase máis formativa”, salientou Lucía Blanco.

O equipo técnico que se achegue aos fogares tamén se encargará de avaliar a elaboración do compost e remitir ao Concello a información que garante o seguimento da campaña municipal.

2 ÁREAS DE COMPOSTAXE COMUNITARIAS COMA PECHE DO PROXECTO

A iniciativa de compostaxe municipal terá unha última fase que irá máis aló dos fogares; amliarase o rango de actuación coa materialización de dúas áreas de compostaxe comunitarias en puntos estratéxicos da localidade, especificamente en áreas urbanizadas, para que a campaña impacte polo menos a 55 familias máis no programa.

Toda esta iniciativa do Concello de Ares conta co respaldo económico da Consellería de Medio Ambiente a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado cos fondos europeos Next Generation.

Pódeche interesar