Xurxo Antelo, investigador do grupo HISTRAGA da Universidade de Santiago de Compostela, fará un percorrido histórico centrado na vila aresán o venres, 5 de abril, ás 20:00 horas.
Como evolucionou a localidade aresán ao longo do período 1940-1970 en termos sociais e urbanísticos? Que conclusións poden extraerse deses 30 anos de grandes cambios e desenvolvemento industrial? Para resolver algunhas destas cuestións formúlase o relatorio Vida e vivenda mariñeira en Ares o próximo venres, 5 de abril, ás 20:00 horas no salón de actos da Alianza Aresana, con entrada de balde até completar aforo.
O relatorio estará impartido por Xurxo Antelo Alvite, graduado en Ciencias Políticas e da Administración, cun máster en Historia Contemporánea e membro do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (HISTRAGA) da Unviersidade de Santiago de Compostela (USC). Antelo tamén é investigador centrado no estudo das elites e clientelismo político na Transición cara a democracia, cunha perspectiva local e ruralista.