O prazo para inscribirse estará operativo até o venres, 31 de maio incluído, coa opción de achegar a documentación no Departamento de Servizos Sociais de Ares ou por rexistro electrónico na web institucional, concellodeares.gal.
Polas obras previstas no CPI As Mirandas durante o verán, a actividade do servizo de conciliación centralizarase no Local Sociocomunitario de Seselle.
A área de Igualdade e Benestar vén de anunciar a activación do ‘ConciliAres’, o servizo municipal que fomenta a conciliación durante os meses de xullo e agosto e a principal ferramenta da localidade aresán para axudar aos pais e nais no coidado das súas crianzas. Así, dende mañá, martes 14 de maio, ata o venres, 31 deste mesmo mes, as persoas interesadas poderán formalizar as súas inscricións.
O ConciliAres constitúese coma un programa lúdico-educativo destinado para nenas e nenos con idades entre os 3 e 12 anos. Consta dun conxunto de requisitos para poder acceder a el que establecen, de igual maneira, a listaxe de prioridades:
- Crianzas empadroadas no Concello de Ares con ambos os proxenitores traballando.
- Nenos e nenas empadroados cun informe previo dos Servizos Sociais.
- Nenos e nenas NON empadroados e sen ningún proxenitor traballando en Ares, no caso de non cubrir as prazas ofertadas.
Cada quincena terá 40 prazas con varios tramos de cotas en función da renda mensual dos solicitantes, aínda que o prezo máis alto do servizo será de 100 euros polo mes completo para empadroados e 130 euros no caso dos non empadroados. Nas bases reguladoras do ConciliAres tamén se estipulan bonificacións no prezo dun 30 % para as crianzas pertencentes a familias numerosas e descontos da mesma porcentaxe dende o segundo irmán que participe na actividade.
O servizo de conciliación laboral e familiar achegará aos nenos e nenas un conxunto de actividades que incorpora xogos simbólicos e cooperativos, mais tamén manualidades e accións de animación á lectura. Nesta ocasión, por mor das obras previstas no CPI As Mirandas durante o período estival, a actividade do ConciliAres trasladarase ao Local Sociocomunitario de Seselle.
Para formalizar a inscrición, entregarase toda a información requirida nas bases do proxecto no Departamento de Servizos Sociais de Ares, organismo que xestiona e coordina o ConciliAres, en horario de 9:00 h. a 14:00 h., ou por rexistro electrónico na web municipal.
BASES COMPLETAS: https://concellodeares.gal/bases-programa-conciliares/
INSCRICIÓN TELEMÁTICA: https://forms.gle/7Zt96RmXbqFp4XVC9