O próximo 11 de xullo proxectarase o filme ‘Salta’ ás 22:30 horas nas Escolas do Lago, unha comedia para toda a familia con viaxes no tempo que fai fincapé na importancia de comunicarnos coa xente que queremos.
Todo o ciclo de proxeccións conta co apoio da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural.
Ares regresa esta mesma semana a unha das principais programacións culturais que realiza o Concello para levar os filmes ao espazo público. O Ciclo de Cine de Verán chegará este xoves, 11 de xullo, ao municipio, á noite (22:30 horas) coa proxección de ‘Salta!’ nas Escolas do Lago, unha cita perfecta para que as familias poidan gozar do eido cinematográfico totalmente de balde e ao aire libre.
Nesta primeira sesión, que se materializa grazas á Rede Cultural da Deputación da Coruña, a veciñanza poderá desfrutar dunha comedia familiar dirixida por Olga Osorio e coas actuacións de Tamar Novas, Marta Nieto ou Mario Santos. ‘Salta’ achegará boas doses de risas seguindo a historia de dous irmáns, Óscar e Teo, que deben afrontar a desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buratos de gusano, incluíndo viaxes no tempo na súa particular procura.
Integramente gravada na contorna da Coruña, o filme aborda a relación entre irmáns, pero tamén as dificultades que hai para facerse entender e comunicarnos coas persoas que aprezamos. Todo isto aproveitando os misterios que hai no espazo exterior a través desta conmovedora aventura.
PRÓXIMAS DATAS DO CICLO DE CINE DE VERÁN EN ARES
Aproveitando o inicio deste cine de verán, dende a Concellaría de Cultura tamén lembran que as proxeccións continuarán xa en agosto. Haberá dúas sesións máis que se promoverán o 8 de agosto, protagonizada polo filme ‘Lightyear’, e o 28 de agosto con ‘A todo tren 2’, citas ideais para que pequenos e maiores gocen da cultura e das xornadas longas que nos deixa o período estival.