Máis de cen corredores chegarán a Ares na XXXII Milla Urbana do 3 de agosto

Comparte esta nota de prensa

A cita deportiva, inscrita como proba oficial da Federación Galega de Atletismo e pertencente ao Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, é xa un referente no período estival da vila pola súa longa tradición.

A casa consistorial acolleu o acto de presentación oficial, onde se lembrou a posibilidade de formalizar xa a reserva de praza para participar na carreira de xeito telemático a través de carreirasgalegas.com.

A concelleira de Deportes, Alma Barrón, a secretaria da delegación en Ferrol da Federación Galega de Atletismo, Eva Martínez, e o técnico municipal nesta área, Javier Sánchez, presentaron onte a XXXII Milla Urbana Concello de Ares nas instalacións do consistorio, unha proba considerada das máis singulares da localidade pola súa fonda tradición de organización.

A cita deportiva, como detallaron no acto formal de presentación, chegará a Ares o 3 de agosto a partir das 11:00 h. na Praza da Igrexa e volverá a aglutinar a máis dunha centena de corredores e corredoras, enfatizando ademais a interxeracionalidade que caracteriza á Milla Urbana, con categorías que abranguen dende os prebiberóns até os adultos, pasando por sub-16 e sub-18. As distancias, de feito, están adaptadas ás esixencias de cada idade, sendo os 50 metros o mínimo e 1.600 m. o máximo.

O prezo de participación é de 3 euros para as categorías absolutas e totalmente de balde no resto. O proceso de inscrición xa está habilitado telematicamente en www.carreirasgalegas.com até o domingo, 28 de xullo, ás 23:59 h.

Toda vez que rematen as inscricións, os dorsais dos corredores poderán retirarse o xoves, 1, e venres, 2 de agosto de 9:00 a 13:00 horas na Alianza Aresana ou xa o mesmo sábado, data de celebración da Milla Urbana, ata media hora antes do seu inicio.

Na materialización do evento colaboran activamente Coca Cola Iberian Partners e a Deputación da Coruña.

A inscrición pode realizarse na seguinte ligazón: Xxxii Milla Urbana Concello de Ares – Carreiras Galegas

Pódeche interesar