Os mozos e mozas poderán tramitar a súa solicitude de reserva de praza ata o 2 de decembro presencialmente na OMIX de Ares ou vía telemática, cubrindo un impreso e remitíndoo a deportes@concellodeares.com.
A actividade de esquí desenvolverase, no caso da quenda de Ares, durante as xornadas do 24 ao 27 de xaneiro en Valgrande-Pajares, Asturias, contando con 6 prazas para a xuventude da vila.
O Concello de Ares informa, a través da súa área de Deportes, da apertura do prazo de preinsicrición na Campaña da Neve 2025, un programa organizado pola Deputación da Coruña e desenvolto, no caso da quenda da nosa localidade, do 24 ao 27 de xaneiro. A iniciativa está dirixida aos rapaces e rapazas de 11 a 15 anos inclusive (cumpridos a 31 de decembro de 2024), empadroados/as en Ares, que desexen aprender e gozar do esquí na estación de montaña de Valgrande-Pajares, en Asturias.
A campaña está composta de catro xornadas con cursos de esquí e varias actividades complementarias, con estadía nun albergue a pé de pista na propia estación asturiana. O custe da actividade é de 85 euros, incluíndo o réxime de aloxamento e manutención, o transporte de ida e volta ata o lugar de actividade, con saída e chegada ao punto elixido pola organización na comarca de Ferrolterra, amais das clases, monitores, seguro, alugamento de material e todo gasto derivado das actividades e cursos programados.
A mocidade interesada poderá achegarse dende hoxe, 19 de novembro, ata o 2 de decembro ás dependencias da OMIX, na Biblioteca Municipal de Ares, para formalizar a súa preinscrición cumprimentando un impreso cos seus datos. Será en horario de 10:00 a 12:00 horas polas mañás e de 17:00 a 19:00 h. polo serán.
A maiores, tamén existe a posibilidade de facer o trámite de maneira telemática, cubrindo o impreso existente na web municipal (PDF editable) e remitíndoo ao correo deportes@concellodeares.com.
Unha vez rematado o prazo de preinscrición, e no caso de que o número de solicitudes supere ao de prazas dispostas (6), celebrarase un sorteo público ás 11:00 horas do 10 de decembro na Alianza Aresana para seleccionar ás persoas que finalmente participarán no programa. Nese senso, terán preferencia os rapaces e rapazas que non foran a ningunha campaña previa da Deputación da Coruña.