A Cabalgata de Papá Noel percorrerá Ares na tarde do martes, 24 de decembro

Comparte esta nota de prensa

Visitaranse todas as parroquias do municipio, arrancando ás 16:00 horas da Praza do Pedregal, en Redes, e Santa Claus pechará o seu itinerario cunha recepción na Alianza Aresana acompañado dos seus axudantes.

Chegado dende o círculo polar ártico, Papá Noel xa ten unha data reservada para que os pequenos e pequenas de Ares poidan velo e falar con el: durante a tarde do 24 de decembro, a Concellaría de Cultura organizará a súa cabalgata, e non deixará parroquia sen visitar no seu percorrido.

Coma novidade con respecto a outros anos, Papá Noel iniciará o itinerario na Praza do Pedregal de Redes máis temprano, saíndo dende alí ás 16:00 horas para logo encarar o camiño cara Barracido, Pedrós, Chanteiro e Cervás. Dende este último punto emprenderá a saída cara Ares, onde se lle sumarán as carrozas que desfilarán conxuntamente con el polas rúas do núcleo urbano.

A cabalgata tamén percorrerá Porta do Sol, o paseo marítimo da localidade e varias arterias do centro de Ares, para logo rematar o itinerario na Alianza Aresana. Será no seu interior onde Papá Noel baixará da carroza e comezará a recibir a todo quen desexe falar con el, escoitando os bos desexos para estas datas de Nadal. Cos seus axudantes sempre ao carón, principiará a súa recepción aproximadamente ás 18:15 horas.

Con todo, se as condicións meteorolóxicas non o permiten, a cabalgata realizará só visita ás parroquias e acurtará o percorrido para dirixirse directamente á recepción na Alianza Aresana.

Dende a Concellaría de Cultura estenden o seu agradecemento á Sociedade Cultural o Tilo, fundamental na materialización da cabalgata, así como a Protección Civil de Ares e a Policía Local.

Pódeche interesar