O Club de Lectura Municipal de Ares celebrou o venres pasado a súa última sesión do curso 2024-2025 xuntándose para conversar sobre a obra El mercader de Libros, do escritor aragonés Luis Zueco; unha novela que mestura historia, intriga e paixón nunha viaxe ao século XVI.
Na obra, Zueco narra as circunstancias vitais de Thomas, un comerciante de libros que atravesa unha incipiente Europa renacentista fuxindo do seu pasado. Son os anos do descubrimento de América ou da invención da imprenta: un período para o territorio europeo de gran transformación, entre o fin da Idade Media e o xurdimento dunha nova etapa histórica.
Thomas chegará a España e verase envolto nunha trama misteriosa arredor dun libro que alguén robou e que el busca, e é así como Zueco constrúe un libro a cabalo entre a novela histórica e a intriga policial.
Así, durante a sesión, e entre doces e cafés, as lectoras intercambiaron as súas opinións desta poderosa reflexión sobre a liberdade intelectual, e despedíronse até outubro, mes no que retomarán a actividade. Iso si, aínda que o Club de Lectura Municipal descanse, está claro que durante o período estival seguirán os libros como unha das mellores compañías que se poden atopar.
Só queda desexarlles un bo verán!