Durante estes últimos tres días tan intensos, Ares converteuse nun espazo vivo, cheo de cultura, música, gastronomía, artesanía, creatividade e divulgación histórica para lembrar e recoñecer a memoria da migración local e galega. Chegamos ao remate do VIII Ares Indiano… e toca despedirse!
Nesta fin de semana, veciñanza e visitantes pasearon en barco, en autobús histórico ou a pé para descubrir o noso patrimonio indiano e tamén a nosa paisaxe relacionada co mar; gozaron dos showcookings da campaña ‘A paisaxe que sabe’, deixáronse levar polos sons de Septeto Naborí, traídos de Cuba, emocionáronse coa voz de Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre, caracterizáronse e aprenderon sobre a complexidade do proceso migratorio con relatorios e exposicións…
En definitiva, un sinfín de actividades para que todo o mundo puidera viaxar ó outro lado do Atlántico e recordar por un momento as raíces migrantes.
É o momento de dicir adeus, mais só ata o ano que vén, cando regresarán os traxes de época, a luz das Américas e a lembranza da nosa historia. Grazas a todos os que contribuíron a facer realidade esta oitava edición do Ares Indiano!
📸 Fotografías: Ares Indiano, La Voz de Galicia. Edición Ferrol e Alberto Sánchez García.