Sfhir desembarca na vila para deixar a súa pegada artística en forma de mural

Comparte esta nota de prensa

  • O artista urbano, considerado un dos mellores muralistas do mundo, vén de chegar hoxe co seu equipo ás inmediacións do pavillón polideportivo de Ares e estará toda a semana traballando na creación dun deseño na fachada da infraestrutura.
  • Sfhir, cunha ampla traxectoria no eido internacional e nos grandes formatos, desenvolverá unha composición relacionada coa paisaxe aresá, dentro dunha acción que se materializa a partir do esforzo conxunto do Concello de Ares, a Mancomunidade de Concellos de Ferrol e a Deputación da Coruña.

 

Hugo Lomas (Madrid, 1980), recoñecido mundialmente como Sfhir, atópase dende este principio de semana en Ares para transformar o acceso do pavillón polideportivo no seu particular lenzo, asinando no municipio un novo mural de grande formato, trazo característico da súa arte urbana. O madrileño e o seu equipo estarán ao longo dos vindeiros días traballando nun deseño adaptado á identidade da vila, facendo fincapé na paisaxe litoral que caracteriza a Ares e que tan fondamente ancorada se atopa na memoria colectiva da veciñanza.

Durante esta mañá foi recibido nas inmediacións do pavillón por Alma Barrón, concelleira de Cultura e Deportes, que destacou a importancia da arte urbana como ferramenta de transformación de espazos públicos, embelecéndoos, ademais de actuar como un elemento de dinamización turística e de construción de identidade.

A carreira artística de Sfhir constata o atractivo das súas obras, baseadas nun estilo hiperrealista a través da pintura e do esprai que sintetizan tres décadas de traballo e que se desprega, na actualidade, en multitude de localidades nacionais e internacionais: Madrid, Vigo, Ferrol, Xixón, Ronse (Bélgica) Dresden (Alemania), Comacchio (Italia),  Fene –cun traballo que recibiu o galardón de Mellor mural do mundo en 2024: A violonchelista– e agora, tamén, Ares.

Referente do muralismo contemporáneo europeo, a súa pegada ficará na vila despois de rematar con esta acción promovida polo Concello de Ares, co apoio da Deputación da Coruña e da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

 

Pódeche interesar