- O ente local convida á veciñanza, de forma individual ou colectiva, a remitir as súas propostas de logotipo ata o vindeiro 17 de novembro seguindo os requisitos e formato que contemplan as bases do certame, tamén publicadas hoxe.
- O gañador/a poderá escoller un dos tres seguintes galardóns: un bono para unha actividade náutica (paddlesurf ou kaiak) de dúas persoas, un vale anual para asistir de balde ao ximnasio municipal ou un premio metálico por valor de 150 euros a investir no comercio local de Ares.
A Mesa de Saúde Local de Ares, coa colaboración de Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) de Ferrol, promove ao longo das vindeiras semanas un concurso de deseño dun logotipo para a propia Mesa, sintetizando os seus valores de saúde comunitaria, colaboración e benestar social.
Así, esta entidade local que toma como base a promoción de bos hábitos na vila quere reforzar a súa identidade cunha nova creatividade gráfica que se empregará en todos os soportes de comunicación dixitais ou analóxicos (documentos oficiais, cartelería, actas…).
Baixo un formato circular ou cadrado, o logotipo debe incluír de forma visible as palabras ‘Mesa de Saúde Local de Ares’ e ‘REGAPS’, entregándose en versión a cor e monocroma cunha resolución mínima que garanta o seu emprego e lexibilidade para os distintos contextos de uso.
A maiores do deseño do logotipo nos formatos especificados nas bases, as propostas deberán incluír un texto explicativo do concepto (máximo 200 palabras), os datos de identificación e contacto do autor/a e, no caso de menores, a autorización asinada por parte dos proxenitores ou titores legais.
Toda a documentación deberá remitirse por correo electrónico a aressaudable@gmail.com indicando no asunto ‘Concurso Logotipo Mesa de Saúde Local de Ares’ ata máximo o 17 de novembro de 2025 (incluído).
CRITERIOS DE VALORACIÓN E PREMIOS
O xurado, composto por representantes do Concello, do ámbito sanitario, educativo, social e cultural, tomará coma referencia a orixinalidade e creatividade, a adecuación aos valores da Mesa, a claridade e lexibilidade, o cumprimento dos requisitos técnicos e a aplicabilidade do logotipo en distintos formatos como eixos de valoración.
De igual maneira, só haberá un único gañador ou gañadora, que poderá seleccionar un dos tres seguintes premios:
- Bono por unha actividade náutica (paddlesurf ou kaiak) no Club Marítimo de Redes para dúas persoas dunha hora e media de duración (1,5 h.).
- Bono anual para asistir de balde ao ximnasio municipal.
- Premio metálico por valor de 150 € para investir no comercio local de Ares.
O fallo do xurado farase público durante o mes de decembro de 2025, publicándose nas canles oficiais do Concello de Ares, amais de comunicalo individualmente á persoa gañadora.
BASES EN PDF – CONCURSO DE DESEÑO DE LOGOTIPO PARA A MESA DE SAÚDE LOCAL DE ARES
AUTORIZACIÓN DE PARTICIPACIÓN PARA MENORES DE IDADE CONCURSO DE DESEÑO DE LOGOTIPO MESA SAÚDE LOCAL