Matemáticas escondidas no arredor, un obradoiro para descubrir a beleza da proporción áurea na nosa contorna máis próxima

Comparte esta nota de prensa

  • Deseñado para persoas maiores de 20 anos, a sesión ten condición divulgativa e organizarase o vindeiro 19 de novembro ás 18:30 h. na Aula de Cultura da Rúa Zamborela.
  • As inscricións abren hoxe de xeito telemático a través da web do Concello, www.concellodeares.gal.

 

A segunda sesión do programa ‘Non remates coas mates’, unha proposta para achegarse ás matemáticas dun xeito ameno e divulgativo, habilita dende as 16:00 horas deste 3 de novembro o seu proceso de reserva de praza para toda aquela persoa interesada en explorar dende novas perspectivas esta disciplina do coñecemento.

Nesta ocasión, o obradoiro parte do título ‘Matemáticas escondidas no arredor’ e procurará descubrir aos seus participantes a beleza da proporción áurea, unha relación xeométrica que se pode atopar na natureza –na disposición das follas, na forma das caracolas, en pétalos…–, na arte ou na arquitectura. Mostraranse exemplos da contorna e aprenderase a recoñecela, explorando tamén a dimensión fractal de certas estruturas.

Con metodoloxías dinámicas e participativas, o equipo docente escapará da idea das matemáticas como algo difícil ou abstracto, conectándoas coa nosa cultura e sociedade e aplicando sempre un enfoque ameno, lonxe dos estereotipos das propias mates.

As inscricións son de balde, mais requerirán cubrir un formulario telemático na web institucional, www.concellodeares.gal, ata encher as 20 prazas habilitadas para o obradoiro.

Todo o programa está impartido e coordinado polas licenciadas en Matemáticas Covadonga Rodríguez-Moldes, Cristina Montero e Begoña Gómez.

LIGAZÓN PARA INSCRIBIRSE: https://forms.gle/FQDHGJeYornSefxL7 

Pódeche interesar