- Marcial Díaz González xunto con Manuel Iglesias Bujones —ambos membros do corpo de Protección Civil—, e Jaime Alberto Domínguez Fernández, xefe da Policía Local, recibiron novas condecoracións que distinguen o seu esforzo e servizos á sociedade.
- Julio Ignacio Iglesias Redondo, alcalde de Ares: “é unha honra, e case que tamén un deber, poñer en valor todo o servizo que fai o voluntariado aresán, sabendo que a súa involucración é chave nos momentos críticos e que prestan altruistamente o seu tempo á vila”.
No marco da celebración do Día Internacional do Voluntariado que se promove cada 5 de decembro, o Concello organizou este venres pasado, coincidindo coa efeméride, un acto destinado a recoñecer o compromiso, exemplaridade e bo facer de Protección Civil e Policía Local de Ares.
O alcalde da localidade, Julio Ignacio Iglesias, presidiu o evento que contou coa presenza de membros do seu equipo de goberno, mais tamén das formacións políticas do PPdeG e BNG, constatando o apoio a este recoñecemento público que é, tamén, símbolo de agradecemento colectivo.
Foi o propio rexedor de Ares quen resaltou o papel “fundamental” dos voluntarios en momentos críticos, “mais tamén nos eventos e actividades da nosa cotiandade” que esixen do seu tempo, entregado “altruístamente para beneficio de todos”. E por iso mesmo as “insignias que vos achegamos hoxe son unha mostra de valor moral e de orgullo” por todo o que sacrifican a prol de Ares.
CONDECORACIÓNS
Así, Julio Ignacio Iglesias entregou a Manuel Iglesias Bujones a Medalla de Mérito e Recoñecemento á antigüidade e constancia na súa categoría de bronce con distintivo laranxa, namentres que o seu compañeiro do corpo e coordinador xeral, Marcial Díaz González, recibía das mans do voceiro do PPdeG, Daniel Villaronga, a Gran Cruz de Mérito e Recoñecemento á antigüidade e constancia.
Foi o voceiro do BNG, Faustino Seco, quen formalizou a entrega da última insignia, a Cruz de Servizos Distinguidos na categoría de ouro, que acredita os méritos no exercicio do seu deber, a Jaime Alberto Domínguez Fernández, Xefe da Policía Local da vila. Pechouse o acto co agradecemento do propio corpo policial aresán ó labor do voluntariado de Protección Civil nos operativos que se desenvolven a cotío en Ares.
Unha xornada que celebrou, en definitiva, o altruísmo nos bos e malos momentos.













