- As súas Maxestades percorrerán a partir das 16:30 horas tanto as parroquias como o núcleo urbano, onde rematarán o itinerario para facer a súa recepción no interior da Alianza Aresana.
Este luns, 5 de xaneiro, os Reis Magos desembarcan dende Oriente en Ares para atender a toda aquela veciñanza que desexe saudalos ao longo da xornada.
A carroza real sairá ás 16:30 horas dende a Praza do Pedregal de Redes para percorrer as parroquias do concello, incluíndo no itinerario Barracido, Mariña do Pombal, Pedrós, Centro Cultural Outeiro de Chanteiro e o CIRS Cervás. E dende Cervás emprenderán a viaxe en dirección a Ares, desfilando a partir das 18:15 h. na Porta do Sol polas rúas da vila.
A cabalgata pechará o seu percorrido na Alianza Aresana aproximadamente ás 18:45 horas, e será alí onde Baltasar, Melchor e Gaspar farán a súa parada para recibir aos pequenos e pequenas e familias que se acheguen a coñecelos.
No caso de condicións climatolóxicas desfavorables, considerarase a posibilidade de reducir o percorrido da cabalgata con paradas só nas parroquias e a recepción na Alianza Aresana, que se organizaría ás 18:30 h.
Dende a Concellaría de Cultura agradecen a involucración da Sociedad cultural O Tilo e Protección Civil de Ares para materializar un ano máis a cabalgata de Reis Magos.

