- A institución local convida a deseñadores, artistas e creadores que residan en Galicia a remitir as súas propostas gráficas deste evento lúdico-cultural que se celebrará durante o verán na vila aresá.
- Contémplase un único premio de 600 euros, tendo como prazo até o 15 de maio, inclusive, para remitir un máximo de 2 deseños ao concurso. A temática será libre, mais sempre tendo en conta o espírito do evento: servir de homenaxe á cultura e a instrución indianas, de forte pegada no municipio.
A Concellaría de Cultura vén de anunciar a posta en marcha do II Concurso de Deseño do cartel do Ares Indiano, un certame artístico para seleccionar a peza gráfica que anunciará a novena edición deste evento lúdico-cultural que se celebrará os días 21, 22 e 23 de agosto de 2026.
Coma na súa anterior edición, a iniciativa ten como obxectivo estimular a creatividade dos artistas galegos participantes, amais de fomentar a divusión do Ares Indiano, sendo o cartel a peza máis visible en todas as accións de comunicación do evento.
Convídase así a artistas, deseñadores gráficos e creadores en xeral, residentes en Galicia e maiores de idade, a participar na segunda edición do concurso presentando un máximo de 2 deseños.
A temática, estilo e técnica serán libres, aínda que o resultado se adecuará ás características e idiosincrasia do evento indiano, que se celebra ano tras ano cunha clara vontade de homenaxear á cultura e a instrución indianas.
Iso si, os traballos presentados non poderán contar con uso de intelixencia artificial, sendo motivo de descalificación, e o autor deberá ser propietario dos dereitos sobre as imaxes e elementos utilizados no cartel ou ben tratarse de recursos de libre uso.
Con todo, nas obras que se presenten si que deberá figurar, de forma ben visible, o seguinte texto:
IX ARES INDIANO
21, 22 e 23 de agosto de 2026
Asimesmo, deberá contar cun tamaño de 50×70 cms en formato vertical e deixar un espazo libre para a posterior inserción dos logotipos institucionais e privados que sexan necesarios, de tal xeito que o deseño teña unha banda inferior de 5 cm de alto para tal fin, e permitindo que a composición poida adaptarse a formatos publicitarios (roll-ups, mupis, dípticos, prensa, etc.) en horizontal e vertical.
O certame contempla un premio único de 600 euros e terá aberta a súa recepción de obras até o 15 de maio de 2026, inclusive.
FORMA DE PRESENTACIÓN
A persoa que se presente no concurso deberá remitir a través da sede electrónica do Concello de Ares un documento asinado como autor/a da creatividade coa seguinte información:
- Título do cartel.
- Nome do autor.
- Copia do DNI.
- Contacto: teléfono e correo electrónico.
- Explicación do cartel cun máximo de 5 liñas.
- Declaración responsable cuberta (Anexo I)
Posteriormente, enviarase a peza gráfica en formato dixital (JPG, RGB, 300 ppp) cun peso máximo de 3 megas á dirección de correo aresindiano@concellodeares.com co asunto “Concurso Cartel Anunciador Ares Indiano 2026”, incluíndo nesta comunicación o número de rexistro de entrada outorgado previamente polo rexistro electrónico municipal.

