O vindeiro venres, 17 de abril, ás 20:00 h., a Mesa de Saúde Local promove o acto de entrega do premio do seu concurso de deseño gráfico, un certame que se impulsou para obter un logotipo deste organismo que aglutina a profesionais da saúde, representantes do Concello, centros educativos e movemento asociativo da vila, co foco posto na mellora da saúde xeral en Ares.
Así, no acto desvelarase á persoa gañadora do concurso tras as deliberacións do xurado, así como a súa creatividade gráfica, que actuará dende ese momento como a imaxe identificativa da Mesa en todos os soportes de comunicación que empregue, dende os documentos oficiais ás redes sociais ou cartelería.
O acto realizarase no salón de actos da Alianza Aresana e estará aberto a toda a veciñanza que desexe achegarse, con entrada totalmente libre.

