- En coordinación coa Concellaría de Igualdade, organizaranse dende o 13 de maio até o 17 de xuño 6 sesións destinadas a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras no ámbito familiar.
- Precisarase de inscrición previa dende hoxe, 4 de maio, até o día 11 deste mes contactando co teléfono 981 448 354.
Durante os vindeiros meses, dende o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Ares darase apoio, a través de múltiples obradoiros, ás persoas coidadoras, ex-coidadoras ou con potencialidade de selo.
Faranse 6 sesións destinadas a mellorar a súa calidade de vida traballando conceptos chave para o benestar xeral, tendo en conta as esixencias e particularidades dos coidados: hábitos saudables, xestión emocional, relaxación e formas de autocoidado específicas, entre outras temáticas, todos os mércores desde o 13 de maio até o 17 de xuño durante 2 horas, sempre de mañá.
Ademais, máis alá dos contidos, os obradoiros converteranse nun lugar onde compartir experiencias, sentirse comprendidas e acompañarse nese proceso persoal. O intercambio entre compañeiras xenera un ambiente de confianza e apoio mutuo, favorecendo a creación de comunidade e fortalecendo as redes de apoio.
O programa, baixo o nome de Servizo de Apoio Integral a mulleres coidadoras no medio rural, está executado pola Fundación Mujeres e cofinanciado pola Deputación da Coruña. É totalmente de balde.
A veciñanza interesada en participar pode contactar co teléfono 981 448 354 para inscribirse ou ampliar información. A reserva de prazas está dispoñible dende este día 4 até o 11 de maio, en horario de 9:00 a 13:00 h. e de 16:00 a 18:00 h.
Agardámoste!

