A última sesión da Academia AresXSaúde porá o foco na fibromialxia

Comparte esta nota de prensa

  • O salón de actos da Alianza Aresana acollerá esta charla divulgativa o vindeiro 29 de maio ás 20:00 h. impartida pola Asociación Fibro Visibles, centrada na divulgación desta doenza silenciosa que vén acompañada de fatiga crónica, problemas de sono, dificultade de concentración…

 

A Academia AresXSaúde, o programa municipal centrado na divulgación de hábitos saudables entre a veciñanza, centrará a atención nas circunstancias das persoas afectadas pola fibromialxia, unha enfermidade caracterizada por unha dor muscoesquelética xeneralizada e que involucra tamén problemas de sono, fatiga ou néboa mental.

Será a última sesión neste curso do programa, e estará conducida por Ana María Rodríguez e Lucía Fernández, as dúas pertencentes á Asociación Fibro Visibles, destinada a visibilizar a fibromialxia, as súas particularidades e como afecta, de xeito invisible e con gran impacto no eido emocional e na saúde mental, ás persoas que a padecen.

A charla divulgativa impulsarase o vindeiro 29 de maio ás 20:00 horas no salón de actos da Alianza Aresana, con entrada libre e un tempo destinado a resolver dúbidas e tratar directamente coas ponentes arredor desta temática, mantendo o compromiso da Academia pola divulgación.

Pódeche interesar