- Durante as fins de semana do 23, 24, 30 e 31 de maio, a vila somerxerase nesta ruta de tapas para decidir que local terá a mellor proposta gastronómica.
- A iniciativa presentouse esta mañá no consistorio de Ares para debullar os diferentes premios destinados a establecementos e participantes.
Ares volve irse de tapas neste mes de maio coa quinta edición do DegustAres 2026, a ruta de pinchos que impulsa a Concellaría de Comercio en colaboración, nesta ocasión, con 10 locais hostaleiros do municipio.
A concelleira Lucía Blanco presentou hoxe a iniciativa, convidando á veciñanza a degustar as propostas dos establecementos durante dúas fins de semana. Así, os días 23, 24, 30 e 31 de maio, poderanse solicitar os pinchos nos negocios colaboradores, que partirán dun prezo de 1 euro, para valoralos nas folliñas destinadas a tal uso.
Blanco fixo fincapé na relevancia de “chegar até as cinco edicións do DegustAres, pois é un xeito de apostar pola dinamización da gastronomía local, incentivar o consumo de proximidade e contribuír á socialización entre veciños”.
A concelleira agradeceu aos locais participantes “a súa predisposición para elaborar as tapas e involucrarse na ruta, nesta ocasión ampliando o número de propostas con respecto ao ano pasado”, e estendeu este agradecemento ás outras entidades colaboradores: as bodegas de vinos Ismael Arroyo e Santa Marta, Abanca, Valdelana, Agrotendas, Coca Cola e a empresa local Bodegas y Vinos Ares.
Manterase no evento o mesmo sistema de puntuación que xa se puxo en marcha en edicións previas, de tal xeito que os clientes terán á súa disposición en cada establecemento adherido ao DegustAres 2026 unha folla onde constan as tapas que se ofrecen e os horarios de servizo, de cara a probalos e decidir quen se merece o primeiro posto (15 puntos), o segundo (10 puntos) e o terceiro (5 puntos).
Ademais, as follas de valoración deberán estar seladas obrigatoriamente por todos os locais participantes para que os clientes poidan sumarse ó sorteo dos premios que se atopan dentro do concurso.
PREMIOS PARA A HOSTALARÍA E A VECIÑANZA
O DegustAres 2026 premiará tanto a implicación do tecido hostaleiro local como a participación da veciñanza, cun abano de agasallos e incentivos vinculados ao consumo de proximidade e á experiencia gastronómica.
No caso dos establecementos participantes, entregaranse tres premios ás tapas mellor valoradas polo público. O primeiro posto recibirá un vale de 600 euros para consumir no comercio ou na hostalaría de Ares e unha visita con noite de hotel nas Bodegas Valdelana, situadas en Elciego (Rioxa Alavesa).
O segundo premio contará cun vale de 500 euros e unha visita ás Bodegas Ismael Arroyo, en Sotillo de la Ribera (Burgos), mentres que o terceiro posto obterá un galardón de 400 euros e unha visita ás Bodegas Santa Marta, en Valdeorras.
En caso de empate entre os locais participantes, teranse en conta as puntuacións máis altas acadadas por cada proposta gastronómica durante o reconto final das votacións.
A veciñanza que participe no roteiro e entregue a súa folla de valoracións tamén entrará automaticamente no sorteo de diferentes premios. Repartiranse cinco vales de 100 euros para investir no comercio local, aos que se sumará un sexto da mesma contía destinado especificamente ao público presente no acto final de entrega de premios.
Ademais, grazas á colaboración das bodegas e empresas asociadas á iniciativa, sortearanse dúas botellas Magnum de Ribera del Duero —xentileza de Bodegas Ismael Arroyo—, unha experiencia con visita e noite de hotel para dúas persoas nas Bodegas Valdelana e tres licores de Agrotendas, incluíndo licor café, crema e herbas.
En total, o DegustAres 2026 distribuirá uns 2.000 euros en vales de consumo local, reforzando así o seu obxectivo de dinamizar a hostalaría, impulsar o comercio de proximidade e premiar a participación activa da cidadanía.
LISTAXE DE LOCAIS PARTICIPANTES
- As Parrochiñas
- Avenida
- Bocarte
- Casanova
- CIRS Cervás
- Marusía
- Noaru
- O Salitre
- O Lago
- Tarrafa


