O Concello principia coa mellora integral de servizos e pavimentos na rúa María

Comparte esta nota de prensa

  • Renovaranse ao completo a rede de saneamento, con problemas de obturación e lentitude de evacuación, e implantarase unha rede separativa de augas pluviais. Haberá igualmente melloras na infraestrutura de alumeado e de telecomunicacións.
  • No tocante ós pavimentos, executarase unha renovación de calzada e beirarrúas, no marco da nova pavimentación da rúa, e humanizarase a contorna da Praza do Pozo cun deseño que favoreza a convivencia entre peóns e vehículos.

A área de Urbanismo vén de anunciar o inicio das obras nun tramo da rúa María, xusto o que desemboca na Alianza Aresana, destinadas principalmente á renovación dos seus servizos e pavimentos, estes últimos cun acusado desgaste produto do emprego cotián. Na actualidade, a actividade concéntrase no cruce entre a rúa Real e a rúa Reitoral, á altura da peixaría.

A intervención, que conleva un investimento total de 331.564,01 euros asumido entre o POS+2025 da Deputación da Coruña (199.806,02 euros) e as arcas municipais (131.757,99 euros), implica a renovación completa da infraestrutura de saneamento e a implantación dunha rede separativa de augas pluviais, cunha mellora da drenaxe para evitar inundacións ou acumulacións.

A maiores, actuarase sobre a rede de telecomunicacións e alumeado público, de cara a completar a mellora dos servizos, e instalarase iluminación de tipo LED, amais de reordenar o mobiliario urbano.

No tocante á calzada, incorporaranse novos pavimentos e aceiras e, no que atinxe á reconfiguración do espazo urbano, tamén se humanizará a contorna da Praza do Pozo baixo criterios de convivencia entre peóns e vehículos, empregando un formigón coloreado que delimite unha nova área de preferencia peonil.

É precisamente esta acción a que permitirá favorecer o intercambio social entre a veciñanza e eliminará na contorna da Praza do Pozo as diferenzas entre beirrarúa e calzada, comunicando a través do urbanismo a necesidade de facilitar a convivencia entre o vehículo e o peón. O obxectivo último é lograr un tráfico máis calmado e unha rúa máis amable e harmonizada en termos estéticos.

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, salientou o “carácter continuista desta obra, seguindo as mesmas bases que outras rúas igualmente humanizadas polo Concello no casco urbano de Ares. É, en esencia, unha planificación centrada en facer do espazo público un lugar máis cómodo, seguro e accesible para a veciñanza”.

A edila lembrou intervencións executadas nesa mesma liña, “como o proxecto na contorna do Porto, dividida en múltiples fases materializadas ao longo dos anos, ou as humanizacións das rúas Fomento, dos Anxos, Solín, San Xosé, rúa María desde a Avenida de Mugardos ao Mazote…”.

Ademais, dende a Concellaría de Urbanismo tamén resaltan que “se prevé actuar proximamente na rúa Irmáns Bugallo” e “temos en redacción o proxecto para humanizar a rúa Concepción Arenal”.

 

Pódeche interesar