O Concello de Ares presentou a programación especial das Letras Galegas 2026, unha edición dedicada á escritora e xornalista Begoña Caamaño, incluíndo dentro desta proposta lúdica un conxunto de actividades culturais e de lecer pensadas para todos os públicos, especialmente para o público infantil e familiar.
As actividades comezarán o mércores 13 de maio cun contacontos titulado “As letras que voan con nome de muller”, que terá lugar ás 19:00 horas na Biblioteca Municipal de Ares. A proposta, de carácter gratuíto, está dirixida ao público infantil e familiar.
A programación continuará o xoves 14 de maio coa actuación do Mago Charlangas, tamén ás 19:00 horas na Biblioteca Municipal. O espectáculo de maxia será igualmente de balde e orientado ás familias.
O prato forte chegará o sábado 16 de maio coa celebración da II Festa das Letras Galegas, organizada pola Comisión de Festas do San Roque en colaboración co Concello de Ares.
A Praza da Constitución acollerá unha xornada festiva que arrancará ás 13:00 horas coa actuación do grupo de gaitas Trouleada. Á mesma hora haberá comida tradicional e hamburguesas para as persoas asistentes. Xa pola tarde, ás 18:30 horas, celebrarase o espectáculo musical de Pakolas, cun concerto de rock infantil e familiar.
A programación pecharase o mércores 20 de maio cos obradoiros infantís“Letras Galegas”, que se desenvolverán na Alianza Aresana. O primeiro grupo, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, comezará ás 17:00 horas, mentres que o segundo, para idades de 7 a 12 anos, será ás 18:30 horas. O prezo da actividade será de 2 euros.
As inscricións para participar nos obradoiros poderán realizarse a partir do xoves 14 de maio ás 16:30 h. a través da web municipal do Concello de Ares.

