- Tres grandes propostas serán troncais nesta oferta de deportes: os campamentos urbanos, os xogos en Cervás-Chanteiro ou Caamouco-Redes e o Xuventude Verán Activo.
- Tamén se detalla a información das sesións de zumba e baile latino ao aire libre e a actividade física + 60 anos.
- O período de inscricións mantén dúas quendas de reserva: do 9 ao 15 de xuño empadroados e o resto de persoas, do 17 ao 22 de xuño.
Ares encara xa a chegada do verán coas súas primeiras propostas lúdico-deportivas, sempre da man do desfrute da natureza como un dos eixos das programacións do ‘VeraneAres Deportivo’, o conxunto de actividades deseñadas para os vindeiros meses.
A Concellaría de Deportes debullou as principais cuestións desta planificación a desenvolver tanto en xullo coma agosto en tres quincenas: do 1 ao 15 de xullo (1ª quenda), do 16 ao 31 de xullo (2ª quenda) e do 1 ao 14 de agosto (3ª quenda).
E coma noutras edicións, esta oferta compleméntase con outros eventos específicos do verán en Ares de carácter deportivo, como é o caso da Milla Urbana, a Travesía a Nado ou o campus do Celta de Vigo en Prados Vellos.
Campamentos deportivos urbanos e xogos en Cervás-Chanteiro ou Caamouco-Redes
Os campamentos deportivos urbanos para os rapaces e rapaces de 6 a 12 anos promoveranse de novo como un xeito de contribuír á conciliación laboral en horarios de mañá, de luns a venres laborables, entre as 10:00 e 13:00 h.
Serán actividades centralizadas no pavillón municipal, a pista exterior do CPI As Mirandas e espazos da vila: prazas, parques, praias ou outros lugares que permitan desenvolver actividades de convivencia, solidariedade e coñecemento da contorna de proximidade.
Aos campamentos se lles sumarán os xogos deportivos nas parroquias: Cervás-Chanteiro, no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro, e en Redes-Caamouco, na Agrupación Instrutiva, para pequenos de 4 a 9 anos.
Iniciativas para adolescentes
Os adolescentes de 12 a 16 anos tamén contarán coas súas propias actividades en diferentes contornas naturais e infraestruturas públicas, aproveitando a boa climatoloxía do verán.
Probar co padelsurf ou o kaiak, animarse co voleipraia, moverse con danzas urbanas ou mesmo batirse coas raquetas de pádel e tenis de mesa son as 6 propostas da área de Deportes para a rapazada.
Inscricións telemáticas
A reserva de prazas destas tres grandes programacións comezará o martes 10 de xuño ata o día 15 no caso dos empadroados, e dende o 17 ao 22 de xuño para o resto de persoas.
As inscricións realízanse de xeito telemático, no apartado de VeraneAres Deportivo 2026, cubrindo os formularios habilitados dentro da páxina web municipal: www.concellodeares.gal.
Zumba e baile latino ao aire libre, xunto con actividade física + 60 anos
Paralelamente a este proceso de inscricións, Ares terá sesións totalmente de balde de zumba e baile latino ao aire libre todo xullo e a primeira quincena de agosto.
Os martes serán para o baile latino, namentres que os xoves as clases de zumba, ambas de 20:30 a 21:30 h.
As inscricións neste caso teñen un proceso distinto ás anteriores: serán reservas por xornada ata as 11:00 horas do día anterior á actividade, ben no 981 448 057, ben inscribíndose en persoa na Alianza Aresana.
E finalmente, tamén as persoas maiores de +60 anos terán a súa propia proposta personalizada no eido deportivo, con sesións de actividade física no pavillón todos os venres de xullo polas mañás.










