O Mercado Municipal de Ares cumpre 100 anos como modelo de patrimonio vivo

Comparte esta nota de prensa

  • O Concello celebrou esta mañá o centenario do edificio cun acto no que se desvelou unha placa conmemorativa e que contou coa presenza do alcalde, concelleiros do grupo de goberno e representantes da corporación municipal.

 

 Ares vén de celebrar esta mañá, no marco do acto organizado polo Concello, o centenario do seu mercado. Un edificio que acada un fito relevante e que ocupa, como acontece xa dende 1926, unha función tanto economía como social: un espazo de encontro para a veciñanza e tamén un centro de venda de produtos de proximidade.

O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, foi quen desvelou a placa conmemorativa que recolle os 100 anos do Mercado Municipal, xunto coa concelleira de Comercio, Lucía Blanco.

Así, expóñese a singularidade dun edificio que é particular mesmo na súa configuración arquitectónica, baixo o deseño dun dos arquitectos máis recoñecidos na Galicia do século XX: Antonio Tenreiro Rodríguez. Foi un dos seus primeiros proxectos, neste caso fusionando a funcionalidade industrial coa estética naval.

O mercado sintetiza deste xeito un modelo de patrimonio vivo, dinamizado e solidamente ancorado ás raíces do que é Ares, ao acompañar durante tanto tempo á súa veciñanza, con praceiros e praceiras que expoñen a importancia do produto de proximidade e o trato personalizado.

Ademais, recibiuse nesta anualidade unha boa nova en termos infraestruturais, ao obter o Concello case 200.000 euros para a súa rehabilitación, unha intervención que permitirá continuar na senda de dignificación e posta en valor dun inmoble que é, a todas luces, un símbolo da identidade de Ares.

O acto institucional contou coa presenza, xunto co rexedor aresán, das concelleiras do grupo de goberno Olimpia Marcos, Alma Barrón, Victoria Montenegro e Luis Cendán, así como de Vanesa Rúa e Mariela Judith Huallpa, por parte do PPdeG, e de Faustino Seco e Carmen Brage, do BNG-Ares.

Con todo, o peche do centenario chegou coas melodías do grupo As Pías, que se encargaron de poñerlle música a esta conmemoración, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación.

 

 

 

Pódeche interesar