O Concello anuncia a programación lúdico-cultural deste verán

Comparte esta nota de prensa

  • A institución aresá vén de desvelar a oferta para familias, adultos e mocidade que se impulsará na vila durante os vindeiros meses, de novo baseada na diversificación e na involucración do tecido asociativo na dinamización do período estival en Ares.

 

A concelleira de Cultura, Alma Barrón, presentou esta mañá a programación lúdico-cultural que principiou este 6 de xuño e se estenderá até o 19 de setembro. Un conxunto de eventos e actividades para todo tipo de públicos no que tamén se inclúen as iniciativas dun tecido asociativo aresán moi involucrado, que contribúe á dinamización estival de Ares.

Dende as festas das parroquias a outros eventos con longa tradición nos veráns do municipio, a vila contará un ano máis cunha oferta diversificada en públicos e formatos, onde se inclúen propostas literarias, relatorios, showcookings, animación de rúa, cine de verán, Mercadillo Veciñal, música en directo… mantendo o que funciona ano tras ano, mais tamén achegando algunha novidade.

Alma Barrón aludiu precisamente a unha das “novas iniciativas que temos ao longo do verán, como é ‘Ao son do mercado’, un ciclo de música de autor en formato acústico para dinamizar o Mercado Municipal de Ares durante xullo”.

Tamén volverá á vila a II Mostra Pop-Up de marcas emerxentes, no Parque Rosalía, que se estreou xusto o ano pasado, e “continuarase afondando dende Ares co vínculo cos territorios alén o Océano Atlántico”, segundo a concelleira de Cultura, con propostas como o relatorio ‘Vida modernista América-Galicia’ de Arantxa Fernández Crespo, xa en setembro.

Dende a Concellaría de Cultura enfatizan o seu agradecemento á colaboración de todos os clubes, entidades, sociedades e agrupacións locais que se involucran no VeraneAres 2026, así como á Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.

 

Pódeche interesar