- O paseo marítimo volverá converterse nun gran espazo ao aire libre para mercar, vender e intercambiar artigos de segunda man, coleccións e artesanía durante toda a xornada.
- As reservas de postos realizaranse presencialmente en dúas quendas: os días 22 e 23 de xuño para persoas empadroadas en Ares e o 25 e 26 de xuño para o resto de solicitantes, até completar prazas. O custe dos stands será de 8 euros para particulares e 10 euros para profesionais.
A Concellaría de Cultura vén de anunciar unha nova edición do Mercadillo Veciñal de Segunda Man do Concello de Ares, unha cita xa consolidada dentro da programación estival do municipio e que regresará o domingo, 5 de xullo, ao paseo marítimo da vila en horario ininterrompido de 09:00 a 22:00 horas.
Ao longo da xornada, o paseo encherase de postos nos que veciñanza, asociacións e profesionais poderán ofrecer ao público todo tipo de produtos de segunda man, artesanía e obxectos de coleccionismo. Libros, roupa, complementos, decoración, xoguetes, discos ou pezas singulares volverán formar parte desta proposta aberta ao intercambio e á reutilización.
O evento contará cun máximo de 120 postos, cunha dimensión aproximada de 3 metros lineais cada un, sendo responsabilidade das persoas adxudicatarias achegar o material necesario para a súa montaxe e acondicionamento.
Para participar será imprescindible formalizar previamente a solicitude de reserva de praza. O proceso desenvolverase de maneira presencial e en dúas quendas diferenciadas: os días 22 e 23 de xuño, de 10:00 a 14:00 horas, poderán inscribirse as persoas empadroadas no Concello de Ares; posteriormente, os días 25 e 26 de xuño, abrirase o prazo ao resto de solicitantes até esgotar as prazas dispoñibles.
O custe de cada posto establécese en 8 euros para particulares e 10 euros para profesionais. As bases completas do XV Mercadillo Veciñal de Segunda Man poden consultarse na páxina web municipal, www.concellodeares.gal.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co teléfono 981 448 057, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

