- O 12 e 13 de setembro, o programa municipal de sendeirismo percorrerá os últimos tramos do Camiño dos Faros, dende Muxía até o fin do mundo en Fisterra.
- A área de Deportes abrirá as inscricións para empadroados/as mañá, 18 de xuño ás 16:00 h. ata o día seguinte, na mesma franxa horaria, onde poderán sumarse os non-empadroados.
A Concellaría de Deportes vén de anunciar un roteiro extraordinario que se impulsará tras os meses de maior actividade de verán para que os participantes do SendAres, o programa municipal de sendeirismo, exploren o Camiño dos Faros, na Costa da Morte.
A saída impulsarase entre o 12 e 13 de setembro, mais o proceso de inscricións estará aberto dende mañá, 18 de xuño, ás 16:00 h. de xeito telemático na web institucional, www.concellodeares.gal, primeiro para empadroados e, ao día seguinte na mesma franxa horaria, para o resto de persoas interesadas.
No itinerario deseñado polo Concello inclúense dúas rutas, unha por día, para descubrir un par de tramos desta espectacular ruta de sendeirismo que percorre o litoral da Costa da Morte, conectando Malpica con Cabo Fisterra.
A xornada do 12 de xuño centralizarase no treito de Muxía a Nemiña, uns 25 quilómetros que constitúen unha das etapas máis agrestes e auténticas do Camiño dos Faros, con subixas e baixadas entre cantís, calas semiocultas e miradoiros infinitos. Os sendeiristas achegaranse á contorna do Cabo Touriñán, o punto máis occidental da España peninsular, ata chegar á impresionante praia de Nemiña.
Logo, a noite farase no albergue As Eiras en Lires, en plena natureza, nun lugar único para descansar xunto á ría máis pequena de Galicia.
Ao día seguinte, será o momento de lanzarse aos sendeiros da etapa final que conduce cara o fin do mundo. Cruzarase a ría de Lires para pasar por lugares emblemáticos como a praia do Rostro, os cantís da Canousa ou o Cabo da Nave, culminando coa chegada ao faro de Fisterra.
A experencia aglutinará dous días marcados pola forza do litoral galego, a natureza salvase e as historias que se agochan tras todas esas paisaxes. O prezo total é de 110 euros, incluíndo os servizos de guía, transporte e seguros, o aloxamento no albergue e cea, almorzo e picnic-tentempié.
No tocante á loxística, prevese saír o sábado, 12 de setembro, ás 7:00 h. da Praza da Igrexa de Ares e chegarase ó municipio desde Fisterra na seguinte xornada preto das 21:00 h.
A Concellaría de Deportes habilitou 23 prazas para a actividade, que se cubrirán por orde de inscrición seguindo os prazos establecidos.





