- A edificación destinada a usos sociocomunitarios xa conta cunha renovación integral da pintura sobre unha superficie aproximada de 425 metros cadrados, baixo un investimento de 20.000 euros, impostos incluídos.
- Trátase do último paso que faltaba no marco da recente mellora e dignificación da antiga Reitoral da vila, catalogada como inmoble protexido polo seu considerable valor patrimonial e histórico.
A Concellaría de Urbanismo municipal vén de anunciar a finalización dos traballos de pintado exterior que se estaban a acometer na Reitoral de Ares, un inmoble rehabilitado e reacondicionado ao completo nestes últimos tempos para o seu emprego sociocomunitario.
A Reitoral xa amosa novo aspecto tras deixar atrás o seu deterioro externo, produto da exposición ás condicións climatolóxicas adversas do pasado inverno. A actuación que se desenvolveu implicou a limpeza, raspado e lixado das pinturas antigas e a aplicación dunha nova pintura plástica con adherencia para o exterior, abranguendo unha superficie aproximada de 425 metros cadrados.
O investimento foi de 19.695,15 euros, IVE incluído, asumido con fondos do Concello a partir do préstamo sen intereses do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
Así, o pintado súmase ó conxunto de traballos impulsados desde o goberno local para recuperar o esplendor dun inmoble que data do 1696, patrimonio histórico da vila, e de enorme singularidade: é unha das tres edificacións en todo Ares que conta cun patín de entrada con escaleiras, xunto coa Casa da Xuventude e o Xuzgado de Paz, ambas de titularidade municipal.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, fixo fincapé no “esforzo desenvolto ao longo dos anos dende o Concello para dignificar a Reitoral: executamos o desescombro inicialmente, traballamos sobre a envolvente, rehabilitamos o seu interior e agora era preciso actuar sobre a pintura”.
Mais as intervencións relacionadas coa Reitoral non só se promoveron no propio edificio, “senón que fixemos realidade un aparcadoiro público, totalmente gratuito, anexo ao inmoble, que será tamén útil no emprego do edificio como espazo de usos sociocomunitarios”, continuou a concelleira de Urbanismo, “e dotamos á área dun equipo de bombeo destinado a solventar os problemas de inundacións da zona”.
Coma peche, Olimpia Marcos salientou que “xa estamos a traballar nunha inminente adquisición dunh terreo de 2.335 metros cadrados na área superior do aparcadoiro municipal para uso e desfrute xeral da veciñanza”.





