- A institución aresá deu conta das novidades nestas dúas actuacións que permitirán mellorar a infraestructura deportiva e social da parroquia de Caamouco.
- Entre os dous proxectos, mobilizaranse un total de 290,194,98 euros, impostos incluídos, entre o Concello, a Deputación da Coruña —no caso do club de tenis— e o GALP Golfo Ártabro Norte para o Marítimo de Redes, onde se porá o foco en rematar cos problemas de filtracións de auga na súa sede.
A Concellaría de Urbanismo vén de informar das novidades que se produciron na xestión de dous proxectos que se impulsarán na contorna de Caamouco, especificamente nas infraestruturas do Club de Tenis e o Club Marítimo de Redes.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, e a edila de Deportes, Alma Barrón, salientaron “a boa nova que vimos de recibir nestes últimos días”, tras tras a concesión dunha nova liña de subvención que permitirá intervir no Club Marítimo, co foco posto en deixar atrás os problemas de filtracións de auga e frear o deteriorio do seu edificio, principalmente nas cubertas, terraza e nas fachadas exteriores de madeira.
Así, investiranse uns case 40.000 euros entre Concello e o GALP para traballar en varios puntos da súa sede. Reformarase a fachada este e o extremo inferior da cuberta para instalar un canlón interior de zinc, mais tamén se actuará sobre a terraza da segunda planta, incorporando unha nova tarima de madeira, tras retirar os elementos xa desgastados que se detecten, e substituíranse as dúas ventás practicables da cuberta, que presentan un estado de deterioro considerable.
O proxecto rematará cos principais focos de deterioración do edificio por mor das filtracións das augas pluviais, mais tamén permitirá renovar as fachadas de madeira actuando sobre uns 158 metros cadrados, completando unhas obras que garanten a mellora da súa envolvente exterior.
LICITADOS OS TRABALLOS PARA A CONSTRUCIÓN DE NOVAS INSTALACIÓNS NO CLUB DE TENIS DE REDES
Ademais da concesión da subvención, o Concello tamén vén de licitar o proxecto para materializar unhas novas instalacións de ximnasio, vestiarios e sala de usos múltiples no Club de Tenis de Redes, tras a sinatura do convenio de colaboración coa Deputación da Coruña o pasado abril e tamén a cesión dos terreos por parte desta entidade deportiva de Caamouco.
Os traballos incluirán a execución dunhas instalacións básicas de nova planta que reforzarán a actividade deportiva e social da contorna, ao estar a disposición da veciñanza en xeral e tamén dos socios do Club de Tenis.
Xunto co ximnasio para emprego público e os vestiarios complementarios (masculino e feminino), contémplase unha sala de usos múltiples dimensionada para arredor de 47 asentos, e tamén zona de almacén, cuarto de instalacións, espazo de limpeza… áreas auxiliares para o correcto funcionamento e mantemento das instalacións.
Coa súa materialización, a actuación permitirá incorporar en Caamouco unha infraestrutura estable para a práctica deportiva e para o desenvolvemento de actividades sociais e comunitarias, baixo un investimento próximo aos 250.000 €, onde a Deputación da Coruña asumirá 150.000 €; o Concello, 50.000 € e os fondos restantes, polo propio Club de Tenis de Redes.
O propio alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, fixo fincapé “na xenerosidade do club de tenis, pois as futuras novas instalacións se farán realidade tras a súa cesión dos terreos onde se edificará” e expuxo que “éste e o proxecto do Marítimo de Redes serán fundamentais á hora de incrementar a oferta deportiva da veciñanza na parroquia de Caamouco”.







