O Concello acometerá a renovación integral da rúa Irmáns Bugallo cun investimento de preto de 144.000 euros

Comparte esta nota de prensa

  • A actuación permitirá renovar a infraestrutura de abastecemento de auga, crear unha rede separativa de pluviais e mellorar os pavimentos, a accesibilidade, a sinalización e a canalización do alumeado público. Cóntase co apoio económico da Deputación da Coruña, no marco do POS+2025 Adicional.
  • Culminarase así o proceso de renovación de servizos que se principou anos atrás, cando xa se materializou a mellora da rede de saneamento nesta rúa.

 

A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar o inicio dunha actuación de mellora na rúa Irmáns Bugallo, destinada a modernizar os servizos urbanos soterrados e renovar a calzada, cun acusado desgaste. O proxecto abrangue o conxunto da vía e os seus encontros co viario adxacente, especialmente coa Avenida de Redes.

A intervención que arrancou nestes últimos días responde á necesidade de rematar co deterioro acumulado ao longo dos últimos anos nesta rúa. A actual rede de abastecemento presenta problemas de estanquidade e roturas recorrentes, namentres que a ausencia dunha rede separativa de pluviais provoca que a auga de chuvia se incorpore á infraestrutura de augas fecais. Tamén os pavimentos presentan un desgaste acumulado e numerosas irregularidades que se deixarán atrás tras o remate do proxecto de mellora.

Así, as obras permitirán renovar aproximadamente 258 metros da rede de abastecemento de auga potable, mediante a instalación dunha nova condución de polietileno de alta densidade. Tamén se executarán as conexións coa rede municipal, as reconexións domiciliarias, novas válvulas de corte, arquetas e bocas de rega.

Un dos principais cambios será a creación dunha rede independente de recollida de augas pluviais, coa instalación duns 150 metros de colector soterrado. Ademais, a actuación incorporará novos sumidoiros, pozos de rexistro e conexións das baixantes dos inmobles, reducindo así a chegada de auga da chuvia á rede de saneamento fecal e mellorando a capacidade de drenaxe da contorna.

Unha vez renovadas as infraestruturas, procederase á reposición completa dos pavimentos. Na calzada instalarase unha nova capa de rodadura asfáltica e nos itinerarios peonís colocarase pavimento continuo de formigón coloreado, renovaranse os bordos e introduciranse solucións específicas para mellorar a accesibilidade.Tamén se renovarán a sinalización horizontal e vertical, os pasos de peóns, as marcas viarias e os sinais de detención.

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, salientou precisamente “a necesidade desta actuación, sabendo o deterioro que presenta o pavimento e as constantes roturas que se detectaban na rede de abastecemento de auga, ao tempo que agradeceu a paciencia da veciñanza que viñan sufrindo estas roturas de continuo.

Marcos lembrou que, “tras renovar a rede de saneamento fai 3 anos nesta mesma rúa, agora culminaremos de xeito integral o proceso de renovación de servizos” e salientou “as actuacións que materializamos preto dela, co impulso de melloras de servizos e pavimentación nas rúas dos Anxos, San Xosé ou Cirilio Pérez”. A concelleira de Urbanismo fixo fincapé “en que continuaremos nesta senda de mellora da contorna da zona denominada como Casas Baratas.

O proxecto conta cun orzamento total de 143.958,95 euros, IVE incluído, co apoio económico da Deputación da Coruña, no marco do POS+2025 Adicional.

 

Pódeche interesar