- O salón de plenos do Concello acolleu o acto de entrega desta distinción da Fundación Mil Milenios de Paz, coa participación de representantes do grupo veciñal, do goberno municipal e da propia entidade internacional.
- Tras recepcionar a bandeira, Ares Solidario entregoulla simbolicamente ao Concello para a súa custodia, entendendo o recoñecemento como unha homenaxe compartida a todo o pobo de Ares pola súa implicación en causas solidarias.
O salón de plenos do Concello de Ares acolleu onte o acto de entrega da ‘Bandera de la Paz’ a Ares Solidario, un grupo veciñal que promoveu diferentes iniciativas benéficas e comunitarias na vila ao longo dos anos baixo un compromiso marcado polo altruísmo.
A distinción foi concedida pola Fundación Mil Milenios de Paz, entidade internacional que traballa dende 1995 na promoción dunha cultura de paz, solidariedade e unidade a través de accións sociais, educativas, culturais e comunitarias.
No acto participaron integrantes de Ares Solidario, xunto co alcalde do municipio, Julio Ignacio Iglesias Redondo; a concelleira de Igualdade e Benestar, Victoria Montenegro, e Ángel Corbalán, embaixador da Fundación Mil Milenios de Paz. Tamén houbo presenza de representantes de entidades do municipio que colaboraron activamente na materialización das iniciativas solidarias nos últimos anos.
Así, o grupo comunitario recibiu esta bandeira como un recoñecemento ao traballo e implicación da veciñanza en xeral durante máis dunha década, colaborando conxuntamente en causas altruístas. Por iso, unha vez recollida a distinción, Ares Solidario entregoulla entregoulla simbolicamente ao Concello para que sexa custodiada na casa consistorial como recoñecemento á solidariedade de todo o municipio.
A Noite Branca Solidaria, a Feira Rocieira Solidaria, as Chocolatadas ou o Magosto Solidario foron algunhas das accións que motivan esta Bandeira da Paz: iniciativas impulsadas para apoiar a entidades como Cáritas ou a Asociación Española contra o Cancro, ou causas como Unha cura para Adri, e que amosaron o compromiso dos e das aresáns a prol da solidariedade e o progreso social.












