O Concello de Ares presenta, con motivo do IX Ares Indiano, un selo conmemorativo, postais franqueadas e un mataselos especial
Ares xa conta cun selo propio de Correos. O Concello de Ares presentou esta mañá, con motivo da celebración do IX Ares Indiano, un selo conmemorativo dedicado á memoria da emigración e á importancia que tiveron as cartas como vía de comunicación entre as persoas emigrantes e os seus seres queridos.
A iniciativa foi impulsada polo Concello de Ares, da man da Federación Galega de Sociedades Filatélicas e da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, e incorpora tamén postais xa franqueadas e un mataselos especial conmemorativo.
As persoas interesadas poderán solicitar que este mataselos sexa estampado nas cartas que envíen durante esta semana, achegándose á oficina de Correos de Ares.
A presentación deu tamén o inicio á exposición “Selos e máis: memoria da emigración”, que poderá visitarse na Alianza Aresana ata o 14 de agosto. A mostra reúne selos, postais, documentos e diferentes pezas vinculadas á emigración, cedidas polo coleccionista Andrés García, que permiten achegarse á historia e á memoria das persoas de Ares que marcharon e mantiveron o contacto coa súa terra a través da correspondencia.
As postais conmemorativas estarán á venda durante a fin de semana do Ares Indiano, permitindo así que visitantes e participantes poidan levar consigo un pequeno recordo desta celebración e da historia da emigración aresá.
Desde o Concello de Ares agradecen a Fran Dopico, José Luis Rey e Andrés García a súa proposta, colaboración e implicación para facer posible esta iniciativa, que contribúe a seguir recuperando e divulgando a memoria da emigración e a poñer en valor o patrimonio histórico e cultural de Ares.
Con esta iniciativa, o Concello continúa incorporando novas propostas ao programa do Ares Indiano, reforzando o carácter divulgativo e cultural dunha celebración que reivindica a memoria das persoas emigrantes e a súa conexión permanente coa vila.










