Corredores e corredoras de todas as idades participaron nesta nova edición da Milla Urbana Concello de Ares, unha das probas deportivas con máis tradición na vila que, ano tras ano, fai da Praza da Igrexa e do paseo marítimo todo un circuíto atlético.
Nesta edición, 92 dos participantes foron nenos e nenas menores de 10 anos, nunha xornada que volveu demostrar a capacidade da proba para achegar o atletismo ás novas xeracións. Moitos repiten ano tras ano, vendo como medran e evolucionan dentro do deporte. Unha oportunidade para descubrir desde pequenos o pracer de practicar deporte e compartir a experiencia da competición.
En representación institucional acudiron á xornada a concelleira de Deportes, Alma Barrón; a edila de Turismo, Lucía Blanco; e a concelleira de Igualdade, Victoria Montenegro, encargadas de repartir os trofeos e as medallas conmemorativas.
O Concello de Ares agradece a colaboración da Federación Galega de Atletismo, da Deputación da Coruña e de Coca-Cola, así como a todas as entidades, servizos, colaboradores e persoas que fan posible o desenvolvemento desta cita deportiva, e moi especialmente a todas e todos os participantes nesta XXXIV edición da Milla Urbana de Ares, polo seu entusiasmo e por contribuír a manter viva esta tradicional proba deportiva da vila.

















