O Concello de Ares, a través da Concellaría de Cultura, organiza o vindeiro venres, 4 de setembro, ás 19:00 horas, a charla divulgativa “Descobre e xestiona a túa Alta Sensibilidade”, que terá lugar no Salón de Actos da Alianza Aresana.
A sesión estará impartida por Concha Tejada, autora, comunicadora e “mentora-fareira” para Persoas Altamente Sensibles (PAS), que achegará ao público ferramentas e coñecementos para comprender mellor a alta sensibilidade e aprender a xestionala no día a día.
Durante o encontro abordaranse diferentes aspectos relacionados coa alta sensibilidade, favorecendo un espazo de reflexión e autocoñecemento no que as persoas asistentes poderán coñecer as características asociadas a este rasgo e descubrir estratexias para xestionar as emocións, os estímulos e as situacións cotiás.
A proposta pretende ofrecer unha mirada próxima e divulgativa sobre a Alta Sensibilidade, contribuíndo a visibilizar esta realidade e a promover un maior coñecemento e comprensión tanto entre as propias persoas PAS como no seu contorno.

