Pablo J. Rañales presenta Espigas queimadas, a súa nova novela de terror psicolóxico, na vila de Ares

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Cultura programará o acto literario para este xoves, 10 de setembro, a partir das 19:30 h., na Alianza Aresana. Será un evento para afondar nas claves e proceso creativo dunha historia que reflexiona arredor dos bucles afectivos.

O autor estará acompañado polo veciño aresá José Montero, ‘Peli’, e asinará exemplares da súa obra ao peche da conversa.

O salón de actos da Alianza Aresana acollerá, no marco das citas literarias que programa a Concellaría de Cultura de Ares, a presentación de Espigas Queimadas, a última novela do xornalista e escritor Pablo J. Rañales.

O vindeiro 10 de setembro, ás 19:30 h., Rañales conversará con José Montero, ‘Peli’, sobre as características desta obra de terror psicolóxico, a primeira incursión neste xénero do autor mugardés: unha historia ambientada nas profundidades dos Ancares, no concello de Cervantes, e que afonda no horror dos bucles afectivos, eses círculos viciosos das relacións sociais e amorosas das que un non sabe xamais como saír.

Así, Espigas Queimadas está protagonizada por Rafael e Alba, unha parella moza enxaulada nunha habitación dunha casa rural e atrapada sobre un tempo que se dobra sobre si mesmo. Serán eles os que revivirán, baixo a calor asfixiante de agosto, as fendas da súa relación amorosa: o desexo murcho, a culpa, os resentimentos. Todo ao compás dunha forza perversa que organiza o horror e o repite para quebralos: Papá Piornedo.

“Se a ciencia ficción é unha ferramenta para pensar o futuro, para imaxinar horizontes e camiñar cara a eles, o terror incide nos medos colectivos: no que tememos, no que nos dana como sociedade”, explica Rañales arredor da mudanza de xénero que supón esta nova obra. “Por iso Espigas queimadas tamén reflexiona sobre o sistema, en como impacta no que somos, nos nosos corpos e mentes, e nos vínculos que construímos”.

A publicación continúa, ademais, unha das liñas presentes na traxectoria recente do autor: a exploración de xéneros cunha presenza aínda minoritaria dentro do ecosistema literario galego. Se con Os afogados (Editorial Galaxia, 2023), obra gañadora do VII Premio Illa Nova de Narrativa, se achegaba á ciencia ficción e á distopía, desta volta Rañales traslada a súa escrita ao terreo do terror cunha novela curta en formato de peto.

SOBRE O AUTOR

Pablo J. Rañales (Mugardos, 1999) é xornalista cun mestrado en Comunicación en Medios Sociais da Universidade de Vigo. Comezou no mundo editorial na adolescencia e a través de dúas obras colectivas: La narrativa de suspense (2015) e Seis días para leer y mil noches para soñar (2016).

Continuou coa publicación do seu relato Amor imperfecto na revista norteamericana Contrapuntos V, en 2017; impartiu clases de escritura creativa en Ares e obtivo o 1º Premio de Literatura Experimental (2020) da Fundación Wenceslao Fernández Flórez.

En 2021, publicou a súa primeira novela, Siervos de tinta, á que seguiu en 2023 a segunda, En la chepa del busero, ambas inscritas nun particular realismo máxico. En xuño dese mesmo ano, gañou a sétima edición do Premio Illa Nova Narrativa con Os afogados. Agora regresa con Espigas queimadas, a súa estrea no xénero do terror.

SINOPSE DA NOVELA

Os corpos violentados de Alba e Rafael trastocan a cotiandade de Piornedo, unha bucólica casa rural situada nas profundidades dos Ancares. Son, despois de sete días atrapados na súa habitación, unha muller esmagada a puñadas e un home colgado no baño. Mais coa luz do amencer e a calor asfixiante de agosto agroma unha pregunta:

Que fixo chegar até ese extremo a unha parella que se amaba?

Atrapados nun tempo que se dobra sobre si mesmo, Alba e Rafael veranse obrigados a revivir, unha e outra vez, as fendas da súa relación: o desexo murcho, a culpa, os resentimentos. Pero o que acontece nas entrañas da casa rural vai máis alá do conflito de parella: hai unha forza que organiza o horror e o repite para quebralos.

Espigas queimadas é unha novela de terror psicolóxico cosida dende a claustrofobia. Unha historia que explora a lóxica dos bucles emocionais, o impacto do turbocapitalismo nos nosos corpos e mentes e a imposibilidade de fuxir de certas dinámicas afectivas.

Pódeche interesar