Memoria, lectoescritura, smartphones e música serán as propostas desta nova edición, deseñada para promover un envellecemento activo e favorecer a participación e a socialización.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 8 ao 25 de setembro, en horario de 10:00 a 13:00 horas, no Departamento de Servizos Sociais de Ares.
O Concello de Ares prepara unha nova edición de ‘Envellecendo en Ares’, o programa municipal destinado ás persoas maiores de 60 anos empadroadas no municipio e que cada curso ofrece diferentes propostas orientadas a promover o benestar, a aprendizaxe e as relacións sociais.
A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Igualdade e Benestar, regresará no curso 2026/2027 cunha programación composta por catro obradoiros, adaptados a diferentes intereses e necesidades das persoas participantes.
As actividades previstas son as seguintes:
- Obradoiro de memoria: unha proposta centrada na estimulación cognitiva e no exercicio mental. En Ares haberá tres grupos os luns, con sesións de 12:00 a 13:00 h., de 16:30 a 18:00 h. e de 18:00 a 19:30 h., na Alianza Aresana. En Cervás, o grupo reunirase os martes de 16:30 a 18:00 h., na Ganadera de Cervás. Ademais, en Redes abrirase unha lista de persoas interesadas para valorar a creación dun grupo.
- Obradoiro de lectoescritura: un espazo para traballar a lectura e a escritura como ferramentas para desenvolver e expresar ideas, pensamentos e emocións. A actividade terá lugar os martes, de 10:30 a 12:00 h., no Centro de Servizos Sociais.
- Obradoiro de smartphones: unha actividade práctica para mellorar o manexo dos teléfonos móbiles e das aplicacións de uso habitual no día a día. Desenvolverase na Casa da Xuventude, distribuída en tres grupos: os luns de 10:15 a 11:45 h., os mércores de 10:15 a 11:45 h. e os mércores de 12:00 a 13:30 h.
- ‘A música que nos move’: unha proposta para descubrir e gozar da música desde o canto e o baile, facendo das melodías, as lembranzas e as emocións o fío condutor das sesións. Haberá dous grupos os xoves, de 16:30 a 18:00 h. e de 18:00 a 19:30 h., no Anexo de Cultura.
Con estas actividades, o Concello busca ofrecer ás persoas maiores de Ares espazos de encontro e participación, ao tempo que se fomentan hábitos que contribúan a manter unha vida activa, potenciar as relacións sociais e continuar aprendendo en todas as etapas da vida.
Inscricións abertas do 8 ao 25 de setembro
As persoas interesadas en participar deberán realizar a súa anotación presencialmente no Departamento de Servizos Sociais de Ares, situado na Praza da Constitución.
O prazo permanecerá aberto do 8 ao 25 de setembro de 2026, en horario de 10:00 a 13:00 horas. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e ata esgotar as dispoñibles.
Para obter máis información sobre o programa, pódese contactar co Departamento de Servizos Sociais no teléfono 981 448 354.



