O Concello de Ares culmina as actuacións do POS+2025 coa renovación do Camiño da Malata e inicia as obras no Campo Municipal de Prados Vellos

Comparte esta nota de prensa

A actuación no Camiño da Malata, cun investimento de 61.650,78 euros, completa as tres obras do POS+2025, que mobilizaron un total de 537.173,74 euros

As obras de mellora do Campo Municipal de Prados Vellos suporán un investimento de 379.059,42 euros, dos que 198.325,66 euros achega a Deputación da Coruña e 180.733,76 euros o Concello de Ares

O Concello de Ares continúa coa mellora das infraestruturas municipais coa posta en marcha das obras no Camiño da Malata, en Caamouco, unha actuación que permite completar as tres intervencións incluídas no POS+2025, xunto coas realizadas na rúa María e na rúa Irmáns Bugallo.

As tres actuacións incluídas no POS+2025 supuxeron un investimento conxunto de 537.173,74 euros. En concreto, a intervención na rúa María contou cun investimento de 331.564,01 euros, a actuación na rúa Irmáns Bugallo ascendeu a 143.958,95 euros e a renovación do Camiño da Malata supón 61.650,78 euros.

Renovación do Camiño da Malata

O proxecto no Camiño da Malata permitirá mellorar as condicións do viario coa renovación da pavimentación mediante un novo aglomerado asfáltico, ademais da limpeza das marxes e o refinado das cunetas.

A actuación conta cun investimento de 61.650,78 euros, dos que 51.565,19 euros son achegados pola Deputación da Coruña a través do POS+2025 e os 10.185,59 euros restantes son financiados polo Concello de Ares.

Con esta intervención, o Concello culmina as tres obras previstas no POS+2025, dando continuidade ás actuacións de mellora e renovación das infraestruturas viarias municipais.

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, destacou que nesta ocasión se trata dun vial moi concorrido pola veciñanza de Redes, xa que dá acceso á igrexa e ao cemiterio, ademais de servir como punto de saída do municipio.

A edila destacou tamén que esta actuación “permite completar as tres obras incluídas no POS+2025, xunto coas intervencións realizadas na rúa María e na rúa Irmáns Bugallo, dando continuidade ao investimento destinado á renovación e mellora das infraestruturas municipais”.

Comezan as obras no Campo Municipal de Prados Vellos

Ao mesmo tempo, dan comezo as obras de mellora do Campo Municipal de Prados Vellos, incluídas no POS+2026 da Deputación da Coruña, cun investimento total de 379.059,42 euros.

A actuación contempla a renovación completa do céspede sintético, así como a instalación dunha rede separadora retráctil para delimitar as diferentes áreas de xogo.

O proxecto tamén inclúe unha nova rede de rega e a modernización do sistema de drenaxe. Ademais, instalaranse novas luminarias LED na contorna do graderío, completando as distintas actuacións previstas para a renovación do equipamento.

Investimento e financiamento

Do investimento total, 198.325,66 euros son financiados pola Deputación da Coruña, mentres que 180.733,76 euros corresponden á achega do Concello de Ares.

Con estas actuacións, o Concello continúa avanzando na mellora das infraestruturas municipais deportivas.

Pola súa banda, a edila de Cultura, Deportes, Turismo e Patrimonio, Alma Barrón, puxo en valor o inicio das obras no Campo Municipal de Prados Vellos, sinalando que “estamos ante unha actuación de gran importancia para o deporte local, xa que permitirá renovar por completo o céspede sintético e mellorar diferentes elementos dunha instalación cun uso moi importante ao longo do ano”.

Neste sentido, destacou que “o obxectivo é contar cunhas instalacións deportivas máis modernas e funcionais, adaptadas ás necesidades dos clubs e das persoas que practican deporte en Ares, cunha actuación que permitirá mellorar as condicións de uso do campo durante os vindeiros anos”.

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, enmarcou a obra dentro dunha estratexia global de mellora: “Esta actuación súmase aos investimentos realizados nos últimos anos para poñer ao día as nosas infraestruturas, como as melloras no Pavillón Municipal, a envolvente do Edificio de Prados Vellos ou a Nave de Embarcacións do Club de Remo, aos que se engadirá moi pronto a construción dos novos vestiarios no Club de Tenis de Redes, actualmente en licitación”.

Pódeche interesar