A actuación permitiu substituír 29 luminarias por equipos LED, renovar tramos de cableado deteriorados e instalar un novo poste de formigón.
O proxecto contou cun investimento de 38.251,54 euros, financiado nun 75 % polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia e nun 25 % polo Concello de Ares.
A nova instalación permitirá reducir o consumo enerxético anual nun 66,57 % e evitar a emisión de 2,49 toneladas de CO₂ ao ano.
O Concello de Ares vén de completar as obras de mellora da eficiencia enerxética do alumeado público no núcleo de Cervás, unha intervención destinada a modernizar a instalación existente, optimizar o consumo eléctrico e reducir a contaminación lumínica.
Os traballos incluíron a substitución das 29 luminarias existentes por novos equipos LED de alta eficiencia de 25 W, fronte ás anteriores lámpadas de vapor de sodio de alta presión de 70 W. En concreto, instaláronse 13 luminarias de tipo vial e 16 conxuntos de farol tipo vila, adaptando a iluminación ás características das vías.
A actuación completouse coa renovación de tramos de cableado aéreo e subterráneo que presentaban deterioración, a substitución das caixas de derivación e rexistro e a reposición dun poste de formigón de nove metros de altura que se atopaba nun estado moi deteriorado.
Unha instalación máis eficiente e sostible
A renovación permitirá acadar un aforro enerxético anual de 6.964,60 kWh, equivalente ao 66,57 % do consumo anterior. Ademais, estímase que a intervención evitará a emisión de 2,49 toneladas de CO₂ ao ano.
A incorporación da tecnoloxía LED contribúe tamén a mellorar a eficiencia da iluminación, reducir as necesidades de mantemento e adecuar os niveis lumínicos ás necesidades das vías públicas, favorecendo unha menor contaminación lumínica e unha maior protección do ceo nocturno.
Investimento e financiamento
O proxecto contou cun investimento total de 38.251,54 euros, dos que 28.688,66 euros (75 %) foron achegados polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia e os 9.562,88 euros restantes (25 %) asumidos polo Concello de Ares.
A intervención, denominada «Proxecto técnico de mellora de eficiencia enerxética de alumeado público e de redución de contaminación lumínica e protección dos ceos nocturnos en Cervás», enmárcase nas actuacións municipais dirixidas á modernización progresiva da rede de iluminación pública, tanto no casco urbano como nos núcleos rurais.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, destacou que a finalización destes traballos permite seguir avanzando no obxectivo de contar cun alumeado público máis eficiente e sostible. A edil lembrou tamén as intervencións realizadas anteriormente no casco urbano de Ares e Redes, en Marina do Pombal e nas estradas de Ares-Cervás e Ares-Mugardos, e salientou a importancia de continuar estendendo as melloras aos distintos núcleos rurais do municipio.







