O vindeiro 25 de outubro, ás 13:00 h, a veciñanza de Ares volverá collerse das mans para formar unha cadea humana e conmemorar o Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama.
A iniciativa, organizada pola Xunta Local da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) en Ares, coa colaboración do Concello, busca amosar o apoio ás persoas afectadas por esta doenza oncolóxica e ás súas familias, que as acompañan ao longo de todo o proceso.
O rosa volverá tinguir o paseo marítimo da vila nunha xornada para compartir solidariedade e reivindicar a importancia de seguir avanzando na investigación, na prevención e no diagnóstico temperán. A convocatoria incluirá tamén a lectura dun manifesto na entrada da Casa Consistorial.
Trae posta unha prenda de cor rosa e súmate á cadea solidaria!
Ares, unido un ano máis contra o cancro de mama!

