Divididas en dous itinerarios, un urbano e outro litoral, organizaranse cada sábado ata o 6 de agosto, con 20 prazas por xornada.
As inscricións xestionaranse na Oficina de Información Turística (OIT) municipal, tanto por teléfono coma presencialmente, no seu horario habitual de apertura.
Esta fin de semana, Ares activará o primeiro dos catro percorridos que permitirán coñecer os recursos patrimoniais relacionados co mar e os seus oficios presentes e pasados, parte fundamental da identidade do pobo aresán. Estas catro rutas desenvolven a memoria da vila e constitúense coma unha boa oportunidade para explorar a historia e a riqueza paisaxística características da localidade descoñecida para moitos dos visitantes e para os propios habitantes de Ares.
Así, o Concello promoverá as rutas cada sábado, comezando a xornada do 16 de xullo, proseguindo o 23 e 30 deste mes e finalizando xa o 6 de agosto. Con todo, deseñáronse dous itinerarios distintos que se intercalan e complementan ao longo destes días:
ARES LITORAL – 16 e 30 de xullo
O primeiro itinerario arrancará no Club de Remo de Ares (10:00 HORAS) para introducirse na senda litoral que acompañará ós participantes ao longo da costa, apreciando unha paisaxe marcada polos farallóns, as illas e os pequenos areais de considerable valor natural.
O itinerario chegará ata o Castro de Santa Mariña e a Cova dos Mouros, espazos que forman parte do patrimonio cultural de Ares, para logo regresar ó núcleo urbano; en total, será unha distancia aproximada de 9 quilómetros e unha duración de entre 3,5h-4h.
ARES URBANO – 23 de xullo e 6 de agosto
Este segundo itinerario será eminentemente urbano e de baixa dificultade. A través del, realizarase un percorrido camiñando polo núcleo da vila de Ares, mais tamén a través da súa historia e as transformacións culturais, arquitectónicas e sociais que viviu coma localidade mariñeira.
O punto de encontro será no Club de Remo (10:00 HORAS), subindo ao miradoiro do Petelo para observar a fisionomía e organización da vila, e actuando coma introdución histórica e xeográfica do que define a Ares. Empregando o eixo condutor da industria da salazón e os oficios da pesca, este itinerario transitará por diferentes puntos xa sinalizados de interese patrimonial.
A distancia deste percorrido é de aproximadamente 3-4 quilómetros e unha duración cercana ás 2 horas. Unha oportunidade moi asumible para entender todo o que oculta a configuración urbanística da vila.
INSCRICIÓNS NA OFICINA DE TURISMO
As catro rutas terán habilitadas 20 prazas cada unha para o seu desfrute, que se cubrirán por orde de inscrición na Oficina de Turismo de Ares, ben telefonicamente no 981 468 259, ben presentándose na OIT de luns a venres (10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas) ou sábados e domingos (de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00). As rutas serán gratuítas para os asistentes.
Todos os percorridos serán realizados a través de Singular Traveler con guías titulados para a actividade e seguros de accidentes e Responsabilidade Civil (RC) incluídos.PROXECTO DE COOPERACIÓN “ARES E VALDOVIÑO NO MAR”
Este programa de rutas que se lanza na actualidade enmárcase no proxecto de cooperación entre os Concellos de Ares e Valdoviño, baixo o nome “Valorización da actividade mariñeira a través dos espazos litorais e das prácticas deportivas acuáticas nos municipios de Ares e Valdoviño: Ares e Valdoviño no mar”.
A iniciativa obtivo financiamento do Fondo Europeo e Marítimo da Pesca, a través do grupo de pesca GALP Golfo Ártabro Norte, e implicou a posta en marcha de múltiples actuacións, no caso da localidade aresán con escolares do CPI As Mirandas que permutaron entre obradoiros de sensiblización a saídas polo litoral, amais doutras actividades abertas ao público xeral, como a exposición temporal e itinerante que se situou diante do consistorio ao longo deste mes.