A área de Cultura do municipio organiza un ano máis o certame pictórico outorgando preto de 2.250 euros en prmios.
A recepción de obras, de temática libre e baixo a técnica do óleo ou acrílico, será do 1 ao 9 de setembro.
Ao longo desta mañá, Alma Barrón, concelleira de Cultura, e Paula Fojo, presidenta do CIRS Cervás, deron a coñecer os detalles da nova edición do Concurso de Pintura “Manuel Rebón” durante o acto de presentación celebrado no consistorio da localidade.
Coma vén sendo habitual, o Rebón invitará a artistas residentes no estado español e maiores de idade a achegar as súas obras, de temática libre e realizadas coa técnica do óleo ou acrílico, cun tamaño próximo aos 110×110 centímetros, incluído o propio marco da composición. Os cadros deberán estar xa enmarcados ou acondicionados para a súa exposición -é dicir, rematadas polos bordos-.
Este ano, o Concello distribuirá 2.250 euros entre os diferentes galardóns que se propoñen: 1.400 para o primeiro premio, 550 para o mellor pintor local (os empadroados na actualidade en Ares) e dous accésits por valor de 150 euros cada un. A dotación económica dos accésits é, de feito, a principal novidade desta nova edición do certame artístico.
A entrega das obras poderá realizarse do 1 ao 9 de setembro no Local Social do CIRS de Cervás, ambos incluídos, en horario de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas e sábados e domingos, tanto pola mañá (12:00 a 14:00) coma pola tarde (19:00 a 21:00).
O xurado, composto por persoas vinculadas co mundo cultural, desvelará os premios o martes, 13 de setembro, para posteriormente abrir a exposición coas obras presentadas esa mesma semana.
Este certame que vén de presentarse mantén a ligazón coa contorna de Cervás, actuando coma unha lembranza de Manuel Rebón, veciño aresán clave no devir do CIRS e destacado afeccionado á pintura.