A Alianza Aresana de Instrución cumpre 118 anos

Comparte esta nota de prensa

A agrupación, composta por emigrantes de Ares que desexaban democratizar a educación na localidade, celebra o seu aniversario o próximo domingo, 20 de marzo, coa lectura da acta de creación a través das voces de varias descendentes dos socios-fundacionais.

Tamén haberá unha actuación musical de Son al Son que homenaxea os ritmos cubanos e conecta Galicia con América.

Unha das agrupacións fundamentais na historia e desenvolvemento de Ares está de aniversario. A Alianza Aresana de Instrución celebra os seus 118 anos no mesmo edificio que se construíu grazas ás achegas económicas e o espírito das persoas que a compoñían, traballando por unha educación democratizadora e aberta ás clases populares. A historia lévannos a facer un percorrido dende 1904, data oficial da fundación da sociedade de instrución na Habana, ata a actualidade, co evento do próximo domingo, 20 de marzo.

O Concello, a través da súa área de Cultura, organizará unha actividade que serve de homenaxe a esta conxunción de emigrantes indianos que tanto traballou a prol da localidade e o seu progreso sociocultural. O edificio homónimo á Alianza Aresana de Instrución contará coa presenza de Martina, Noa e Lía, descendentes respectivamente dos socios-fundadores da Alianza Francisco Martínez Montero, Nicolás López Cancela e Manuel García Curbeira, que lerán un extracto da acta fundacional da agrupación (18.30 horas).

Será un evento onde a conexión histórica de Galicia con América estará nun primeiro plano, reforzada coa actuación do trío Son al Son e a composición “Cuba, amores e alianzas” (19.00 horas), que viaxa alén do mar para traer ritmos e emocións de Latinoamérica e a época indiana.

Alma Barrón, concelleira de Cultura, enfatizou a importancia da Alianza Aresana de Instrución para todo o municipio: “o seu valor vai moito máis aló do simbólico; é un valor constatado e constatable de que axudaron na mellora de Ares, sufragando eles mesmos a construción da primeira escola da emigración galega, un espazo á vangarda educativa da súa época”.

O edificio que albergou esta escola continúa a manter unha vinculación directa co seu pasado, e non só por continuar co nome da agrupación como forma de homenaxe: segue a ser un centro sustentado en piares educativos e de dinamización sociocultural, conservando o espírito que xa naceu no 1904, da man da sociedade de instrución.

UNHA ESCOLA PARA EXPANDIR A EDUCACIÓN

As portas da escola sufragada pola Alianza Aresana de Instrucción abríronse en 1906, aínda que todo o conxunto pechouse con muralla de pedra e ferro en 1911, encabezando a revolución do ensino galego de principios do século XX promovida polas persoas migrantes; figuras que, xa dende América ou dende o retorno, desexaban expandir a educación a todos os eidos da sociedade. A creación de escolas indianas por ducias de vilas galegas foi un síntoma directo do desexo do progreso das comunidades, un proceso transparente e a prol de dar oportunidades ás novas xeracións populares.

O centro de ensino de Ares converteuse no primeiro exemplo deste proceso de democratización da educación no territorio. “Todos os nenos e nenas que pasaron por esta escola, que aínda recordan o que viviron aquí, dan fe do esforzo e traballo dos socios-fundadores da agrupación”, resaltou Alma Barrón. Ares tamén viu como o espírito de educación e alfabetización medraba na súa contorna, coa aparición da Agrupación Instrutiva de Caamouco en 1911 con obxectivos semellantes.

A maiores da súa importancia histórica, cultural e social, o espazo que alberga no día de hoxe a actividade da biblioteca municipal tamén presenta un considerable valor arquitectónico, coas características propias do estilo indiano. O ornamento nas pilastras monumentais, o deseño oxival dos lineis nas fiestras, o emprego de madeira de castiñeiro e piñeiro do país… todo vai configurándose para traballar a prol dunha educación aberta a todo o mundo, a prol da mellora da comunidade aresán en específico e, tamén, de Galicia en xeral.

O acto do próximo domingo, como apuntan dende a Concellaría de Cultura, contará coa presenza de representantes da Agrupación Instrutiva de Caamouco e do CIRS Cervás e terá entrada libre ata completar aforo.

Pódeche interesar